O FICBUEU abre o prazo de presentación de curtas para a súa duodécima edición

A asociación FICBUEU ten aberto o prazo para presentar obras ao 12º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (Pontevedra), que se desenvolverá entre o 6 e o 14 de setembro co apoio do Concello de Bueu, entre outras administracións e entidades. As bases prevén un total de oito seccións, unha delas para filmes experimentais.

Ata o 15 de abril permanecerá aberto o prazo para o envío de curtametraxes, que un ano máis deberá realizarse a través da plataforma Shortfilmdepot. Poderán presentarse traballos de calquera xénero estreados a partir do 1 de xaneiro de 2018, cunha duración que non supere os 30 minutos. En xuño daranse a coñecer as obras seleccionadas, que optarán a máis de 5.000 euros en premios tendo tamén en conta os destinados a centros educativos, para os que se lanzará unha convocatoria específica.

Todos os traballos presentados competirán por entrar na Sección Internacional, da que sairán os títulos gañadores das Ánforas de Ouro e Prata, alén dos once galardóns artísticos e técnicos. Unha vez que este apartado se complete, configuraranse o resto, optando os escollidos para as seccións Galicia e España aos premios a mellor curtametraxe galega e española, respectivamente. Alén da sección Escolas Galegas, en paralelo haberá tamén cando menos outros catro apartados non competitivos: Infantil, Xuvenil, Panorama e Experimental, este último como novidade.

O obxectivo do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu é contribuír á promoción das mellores curtas realizadas nos dous últimos anos no ámbito internacional. No entanto, a organización está a traballar na configuración dun programa máis amplo que incluirá múltiples actividades de carácter cinematográfico e cultural. A isto engádense diferentes obradoiros e as accións da Área Social do FICBUEU, que xa están en marcha con diversos colectivos.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM