Oito espectáculos conforman a oferta do Teatro Municipal en febreiro e marzo cando se cumpren quince anos deste espazo escénico

A axenda Corredoira Cultural recolle tamén eventos coma o Entroido, as Festas de San Telmo, Play Doc e a Feira do Libro

Tui mantén a súa aposta por unha programación estable, de calidade, profesional, atractiva… que ten convertido á cidade nun lugar de referencia cultural a nivel galego e do norte de Portugal. Esta mañá deuse a coñecer a oferta que o público poderá disfrutar no Teatro Municipal nos meses de febreiro e marzo, xunto a outros eventos que até maio se van celebrar no municipio.

A presentacion desta mañá correu a cargo de Carlos Vázquez Padín, alcalde de Tui; Eduardo Freiría, concelleiro de Cultura, Patrimonio e Medio Ambiente; Jacobo Sutil, director da AGADIC; Fran Rei, xerente de Culturactiva, Cayetano Lledó, mago profesional; e Fina Calleja, actriz de Sarabela Teatro.

Nesta presentación o alcalde, Carlos Vázquez Padín, salientou que esta axenda “é referencia como proxecto de programación cultural ben organizado, estable, e cunha continuidade de moitos anos”. Engadiu que Tui “é unha das cidades máis importantes de Galicia dende a perspectiva histórica, monumental e tamén o debe ser dende a perspectiva cultural”. A axenda cultural presentada esta mañá refrenda “esa aposta, que ten que ser cardinal, para Tui pola cultura”.

O concelleiro de Cultura, Patrimonio e Medio Ambiente, Eduardo Freiría, explicou que a oferta que se presenta está conformada por 6 espectáculo dentro da Rede Galega de Teatro e Auditorios, e 2 contratados directamente polo Concello. E incidiu en que o feito de que a axenda se reparta tamén en Valença, contribúe a “traspasar fronteiras” e reforzar o vínculo cultural que temos co país veciño.

O director da AGADIC, Jacobo Sutil, sinalou que “Tui é un referente no sur de Galicia en programación cultural”, na que se combina “unha programación de base local con compañías de distribución por Galicia, España e Protugal”, que logra unhas cifras de público das máis altas da Rede Galega de Teatros e Auditorios, sumando máis de 320 mil espectadores nos quince anos de funcionamento do Teatro Municipal.

O Teatro Municipal de Tui, que cumpre o próximo 11 de abril quince anos de actividade, acollerá nos dous próximos meses oito espectáculos para todos os públicos. Seis deles pertencen á Rede Galega de Teatro Auditorios, da que Tui forma parte dende hai tamén quince anos, unha colaboración sen a que non sería posible desenvolver esta programación. Amais o Concello fixo unha aposta polo cinema coa contratación da proxección de dúas películas, unha de animación para público infantil “Ballerina” o 9 de febreiro, e outra para público adulto “Maria (e os demais)” o 10 de febreiro.

O público familiar é un dos grandes activos do teatro e para el están pensados o espectáculo de teatro e música “Paxaro Amigo, músicas para a paz” que achegará Mamá Cabra o 2 de febreiro, a presenza do mago Cayetano Lledó con “Sherlock Holmes” o 3 de marzo, e a representación de “Pum,pum!” de Baobab Teatro o 10 de marzo.

Mentres para todos os públicos vai dirixida “La Zanja” a obra que Titzina Teatre de Cerdanyola del Valles representará o 3 de febreiro, o espectáculo “Falar sen cancelas” con Fran Rei, Isabel Risco e Pedro Brandariz que está previsto para o 2 de marzo , e “O rei morre” que Sarabela Teatro presentará o 9 de marzo.

Xa fóra do Teatro Municipal a primeira cita será coa celebración do Entroido co XXXI Desfile Concurso de Comparsas o luns 12 de febreiro – festivo local na cidade – e co Enterro do Bacallau o Domingo 18 de febreiro.  As festas de San Telmo, que se celebrarán do 31 de marzo ao 9 de abril, declaradas de interese turístico galego, forman parte tamén desta oferta con eventos coma o festival folclórico e a Semana de Teatro Afeccionado que cumpre unha década, como avance dunha programación que se dará a coñecer proximamente.  Unha referencia indiscutible a nivel internacional no mundo audiovisual é o Festival Internacional de Documentais de Tui, Play-Doc, que celebrará do 26 de abril ao 1 de maio e que vén incluído tamén na programación presentada esta mañá, que se completa coa XXI Feira do Libro prevista para o 17 de maio dedicada á escritora María Victoria Moreno.

A axenda Corredoira Cultural, na súa 35ª edición, recolle esta programación xunto a celebración tamén do 25º aniversario da Radio Municipal de Tui o próximo 16 de abril. Desta axenda edítanse 15 mil exemplares que hoxe mesmo son distribuídos en Tui e Valença e que contribúen a promocionar as actividades presentadas. Unha valla no exterior da Área Panorámica informa tamén a veciños e visitantes desta oferta. Unha información que se reforza a través da web municipal , da redes sociais – Facebook e Twitter, así coma do servizo de información ao público, entre outros medios.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM