Ponte Caldelas prepárase para o ano máis inversor da súa historia: máis de 1,5 millóns de euros

No 2021 inícianse varias obras no casco urbán que mellorarán a calidade de vida e importantes traballos no rural para ganar en mobilidade

Comeza 2021 e Ponte Caldelas prepárase para afrontar o ano máis inversor da súa historia: máis de 1,5 millóns de euros. Neste 2021 levaranse a cabo no municipio unha serie de “obras que teñen como obxectivo mellorar a calidade de vida dos veciños do rural e do casco urbán e seguir modernizando un concello que ano a ano medra en poboación”, indica o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz. A realización desta gran inversión será posible grazas á boa situación económica que presenta o Concello de Ponte Caldelas e á boa xestión que permitiu conseguir dúas subvencións europeas para dous proxectos que se iniciarán nas vindeiras semanas: a reforma da Avenida de Galicia e a mellora da Estrada do Balneario.

A mellora da Estrada do Balneario saíu a licitación por 647.208,59 € ive incluído; mentres que a intervención na Avenida de Galicia saíu a licitación por 409.211,33 € ive incluído. Por outra banda, está prevista a construcción da nova Casa do Pobo de Tourón, pois xa están cedidos os terreos por parte da Comunidade de Montes; e o investimento previsto ronda os 40.000 euros, como tamén se levará a cabo a terceira fase da estrada Barbudo- Anceu, cun custe aproximado de 35.000 euros. En 2021 tamén se levará a cabo o empedrado das beirarrúas da Rúa da Ponte, que ten un custo dun 84.078,75 euros, a reforma integral da rúa Manuel Cordo Boullosa, que xa foi adxudicada, por 17.725,27 euros (ive incluído) e que se iniciará nos vindeiros días.

Neste ano, o Concello de Ponte Caldelas ten reservada unha partida de 100.000 euros para ampliación de camiños no rural do municipio co obxectivo de que poidan pasar vehículos de emerxencias e ambulancias e contempla unha inversión duns 200.000 euros en asfaltados de varios viais municipais. Tamén se está ultimando o proxecto da mellora integral da estrada interior de Vilarchán, na que se investirán preto de 150.000 euros. Pola súa banda o acondicionamento dunha zona verde e do parquing central de detrás da Ludoteca suporá un investimento de 77.047,80 euros. O Concello seguirá embelecendo Ponte Caldelas con bancos iluminados con LED e provistos de cargador USB, con xardiñeiras e con papeleiras. Serán 5 bancos; 11 xardiñeiras e 9 papeleiras que se distribuirán polas rúas da vila e que suporán un investimento de máis de 30.000 euros.

Mandatos enteiros de catro anos con menos inversión

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, espera “poder executar todas as obras en 2021, pois boa parte dos traballos está previsto que comecen nas vindeiras semanas”. Díaz lembra que a burocracia administrativa é lenta e tamén se depende de permisos de outras administracións, agora ben, “trataremos de ser o máis áxiles posible na contratación para executar todo antes de que acabe o 2021. Traballar con unha boa xestión é a clave para seguir mellorando Ponte Caldelas e Díaz recorda que “houbo mandatos enteiros de catro anos nos non que non houbo tanta inversión”.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM