Redondela acondicionada o campo de fútbol do Viso incluíndo un vestiario para árbitras nunca completa reforma con cargo ao plan concellos

Carlos Font: “Produce unha especial alegría, dado o noso compromiso político coa Igualdade, comprobar que superamos outra barreira sexista”

O Concello de Redondela vén de transformar tres espazos que permiten mellorar a seguridade no centro urbano, os equipamentos deportivos e a accesibilidade rural. Os deputados de Réxime Interior e Facenda, Carlos Font, Cohesión Social, Olga García, e Infraestruturas, Gregorio Agís, visitaron hoxe as actuacións xunto coa alcaldesa Digna Rivas e a concelleira de Urbanismo, María Castro. As obras foron sufragadas polo Plan Concellos cun orzamento total de 145.800 euros. Gracias a estas actuacións, o concello choqueiro mellorou o tránsito peonil na rúa Telmo Bernárdez, en pleno Camiño de Santiago, fixo unha completa reforma nas instalacións do campo de fútbol do Viso-Tuimil e, finalmente, acondicionou o camiño Veiga dos Eidos, en Cesantes.

Carlos López Font destacou que “non hai nada mellor que ver as obras “in situ” para darse conta da forza do Plan Concellos para mellorar a vida das persoas”. Despois de destacar que a “filosofía” do plan é a colaboración cos alcaldes e alcaldesas “que son as e os que mellor coñecen o territorio e os que deciden”, subliñou “a especial alegría que produce, dado o noso compromiso político coa Igualdade, visitar as obras que se fixeron no campo de fútbol do Viso, onde, superamos outra barreira sexista”. O deputado puxo en valor a colaboración institucional entre Deputación e todos os concellos, entre eles Redondela. “Neste caso concreto, a colaboración é inmellorable”. “A alcaldesa é o mellor exemplo de colaboración institucional leal e queremos seguir nesta senda”. “A política”, rematou, “serve para moito cando se suma”.

Digna Rivas lembrou a súa etapa como deputada provincial no mandato anterior, é dicir o período no que o Plan Concellos botou a andar. “ Agora eu, como alcaldesa, podo dicir que puidemos facer estas obras porque existe este plan”. “Hai varias actuacións dende que cheguei á Alcaldía que me deron moita satisfacción, pero unha das máis importantes é este arranxo dos vestiarios do Viso, que eran moi necesarios e por iso hoxe é un día feliz”. “ Era unha espiña que tiña cravada”, declarou.

A alcaldesa eloxiou a potencia do Plan Concellos como ferramenta para desenvolver investimentos e actuacións municipais. “Agora sabemos de antemán de cantos cartos dispoñemos e temos liberdade para gastalos en aquilo que máis necesitamos, mentres outras institucións, como a Xunta de Galicia, non só nos tutelan, senón que, ademais, nunca nos anticipan os cartos dos que imos dispoñer”. “Confiar nos alcaldes e alcaldesas é o correcto, pois somos nós os que sabemos o que precisa a veciñanza”, reafirmou.

Digna Rivas destacou, tamén, a importancia da Liña 3 do Plan Concellos, que permite dispoñer de persoal para a prestación de servizos municipais por parte de persoas desempregadas. “Todos os concellos estamos nunha situación de falta de persoal por culpa das restricións legais, que nos impiden contratar xente”. “Esta liña é un respiro, pois permite saber desde principio de ano que podes contratar con liberdade e atender servizos que son necesarios”.

Seguridade viaria no Camiño de Santiago

No caso da rúa Telmo Bernárdez e a súa intersección coas rúas Isidoro Queimaliños e do Cruceiro, investíronse preto de 45.000 euros co obxectivo de acabar cos problemas de seguridade viaria para peóns, entre eles, as persoas que peregrinan neste tramo, coincidente co Camiño. Para conseguilo, procedeuse á instalación de redutores de velocidade e un sistema led intelixente de advertencia, así como a modernización dos semáforos cun sistema de sensorización.

Pola súa banda, no campo de fútbol do Viso deuse un paso máis a prol da igualdade, un compromiso común para o Concello e a Deputación provincial, coa creación dun vestiario para as árbitras. Ademais, acondicionáronse os dous vestiarios dos equipos, creouse un novo aseo para o público con acceso dende o exterior e construíronse dous aseos adaptados para persoas con problemas de mobilidade, solucionando así unha grave carencia. Finalmente, fíxose unha reforma ne a grada para facela máis accesible.

En canto ao camiño Veiga dos Eidos de Cesantes, que parte do entronque co camiño do Piñón, procedeuse ao ensanche do seu primeiro tramo, cuxa largura insuficiente dificultaba o tránsito cara as vivendas do lugar. Amais, renovouse o colector principal e acometidas da rede de augas fecais que se atopaban en mal estado, rehabilitouse o firme en todo o tramo e dotouse dun paquete de firme asfáltico ás zonas puntuais nas que o camiño só tiña terra.

A institución provincial leva investidos máis de 8,3 millóns de euros no Concello de Redondela desde 2015, tempo no que se financiaron preto de 50 obras de saneamento no rural, pavimentación de camiños, infraestruturas e mellora dos equipamentos do municipio a través do Plan Concellos. Ademais, subvencionáronse actividades socioculturais para a dinamización da vila e procedeuse á contratación de en torno a 120 persoas para traballar en servizos de competencia municipal a través dos sucesivos plans de emprego do Concello. Neste ano 2021, o Plan Concellos destina 1.031.803 euros a Redondela.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM