Roteiros de Lalín e o cocido únense para ofrecerlle ao visitante unha experiencia única

Proponse elixir unha andaina entre a vintena que compoñen a oferta de Roteiros de Lalín e un dos restaurantes locais que ofrecen cocido para degustar o prato rei da gastronomía galega tras rematar a camiñata

Roteiros de Lalín continúa traballando en diferentes iniciativas coas que dar a coñecer a extensa riqueza natural e patrimonial do noso concello a través das rutas de sendeirismo que esta agrupación de voluntarios impulsada polo Concello de Lalín creou ao longo dos últimos anos. Nesta ocasión, tal e como informa o tenente de alcalde, Nicolás González Casares, Roteiros de Lalín aproveita que estamos en plena tempada de cocido para propoñer unha alternativa de ocio única xunguindo a realización dunha andaina coa posterior degustación dun cocido de Lalín. A idea vai principalmente dirixida a visitantes, aínda que, por descontado, tamén pode ser desfrutada por veciños e veciñas de Lalín. Deste xeito, proponse elixir unha andaina entre a vintena que compoñen a oferta de Roteiros de Lalín e un restaurante entre os múltiples que ofrecen cocido co fin de degustar o prato rei da gastronomía galega tras rematar a camiñata.

Toda a información sobre os itinerarios pódese atopar e descargar a través do portal web www.roteiros.lalin.gal, de onde se poden extraer os trucks en GPS que servirán aos camiñantes para guiarse na ruta, aínda que gran parte delas conta xa con sinalización homologada ou permanente. Por outra banda, a información sobre os establecementos que participan no cocido pódese atopar en www.feiradococido.lalin.gal ademais de nos dípticos do Mes do Cocido repartidos por todos os establecementos colaboradores.

Pero ademais, Roteiros de Lalín tamén ofrece a oportunidade de acollerse á modalidade de rutas guiadas as fins de semana do 9 e 10 de febreiro e do 16 e 17 de febreiro. Esta alternativa é posible grazas á disposición altruísta do voluntarios e voluntarias que traballan na iniciativa coa finalidade de que se poida ofrecer ás persoas interesadas a alternativa máis completa e o maior desfrute do noso concello. A boa acollida a esta proposta estase plasmando dende o primeiro momento, posto que un grupo de 50 persoas procedentes da Coruña realizarán o día 16 o Roteiro do Corpiño, e outros grupos de diferentes partes de Galicia xa mostraron interese en participar en máis andainas. As persoas que desexen máis información ou solicitar a compaña dun guía voluntario poden solicitalo a través do correo electrónico viariumdezae@gmail.com.

Nicolás González Casares puxo de relevo a magnífica proposta realizada por Roteiros de Lalín considerando a simbiose entre Cocido e sendeirismo polas máis fermosas paraxes lalinenses, como unha das mellores experiencias de ocio das que se pode desfrutar neste inverno. Deste xeito, animou a familias ou grupos de amigos  a contactar co Concello ou con Roteiros para informarse e acudir a Lalín a participar nunha experiencia única, que mistura natureza, patrimonio, deporte e gastronomía. O tenente de alcalde mostrou o seu agradecemento aos voluntarios e voluntarias de Roteiros de Lalín e puxo en valor o extraordinario traballo que este grupo veu desenvolvendo nos últimos anos e que está servindo para recuperar camiños tradicionais e para dar a coñecer as riquezas patrimoniais e naturais do municipio, pero que, ao mesmo tempo e como se demostra coa actual iniciativa, está servindo como elemento para a atracción de visitantes e, polo tanto, como factor dinamizador socioeconómico do noso municipio.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM