Tomiño acolle a exposición sobre o concurso de ideas para a nova ponte peonil que unirá O Castelinho co Espazo Fortaleza

A mostra, de carácter itinerante, visitará proximamente a Câmara de Vila Nova de Cerveira, e os colexios de enxeñeiros de camiños e de arquitectos de Galicia

A exposición que recolle as 24 propostas valoradas dentro do Concurso Internacional de Ideas para a construción da ponte peonil que unirá o Parque do Castelinho co Espazo Fortaleza, chega agora a Tomiño despois da súa presentación na Deputación de Pontevedra. Esta é a primeira parada dentro do percorrido que realizará esta mostra itinerante, que máis adiante poderá visitarse na Câmara de Vilanova de Cerveira, na sé do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia, na Coruña, e no Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, en Vigo.

A exposición permanecerá aberta ao público en Tomiño ata o vindeiro 21 de maio, na primeira planta do mercado de abastos da vila, e poderase visitar de luns a domingo, en horario de 10 a 14 horas e de 18 a 21 horas durante as tardes.

O deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez destacou a relevancia técnica das propostas que participaron no concurso así como a diversidade de países e enclaves desde os que chegaron. Benítez explicou que agora ábrese unha segunda fase do concurso, de maior complexidade, na que as tres propostas finalistas, ‘Raia’, de Álvaro Siza e Jorge Amorim Nunes da Silva; ‘Caminho do rio’ de Javier Zubia e Paula Teles, e ‘Una línea sobre el Miño’ das sociedades Burgos & Garrido e Bernabeu Ingenieros; entran nunha fase de negociado que se espera que se resolva á altura do verán.

O Concurso Internacional de Ideas está incluído dentro do proxecto europeo de cooperación transfronteiriza Visit Rio Minho, cofinanciado polo Interreg, que ten por obxectivo a posta en valor dos recursos endóxenos do río Miño. A fin última da construción da ponte é a de “crear un parque transfronteirizo” e “un espazo urbano único de xestión común entre os dous concellos”, segundo explicou o deputado.

A creación da nova ponte internacional enmárcase dentro da acción ‘Cualificación e promoción do parque transfronteirizo Castelinho-Fortaleza’, do proxecto Visit Rio Minho, promovido conxuntamente pola Deputación de Pontevedra, a CIM Alto Minho, a Fundación CEER, o Centro Tecnolóxico do Mar, a Universidade de Vigo e os municipios do norte de Portugal. Visit Rio Minho está cofinanciado ao 75 % por fondos FEDER da UE a través da convocatoria INTERREG V-A POCTEP 2014-2020 e ten por obxectivo a cualificación e valorización ambiental dos recursos endóxenos do territorio do Miño e a súa promoción como destino ecoturístico.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM