Últimos días para presentarse aos Premios Johán Carballeira de Poesía e Xornalismo

Os premios están dotados con 1500 € en ambas categorías, amais da publicación do poemario por parte da Editorial Xerais

O Concello de Bueu afronta xa a recta final do prazo de presentación dos traballos para os Premios Johán Carballeira de Poesía e Xornalismo, cuxa data límite é o 31 deste mes.

As persoas que desexen participar poderán facelo a través de dúas formas: ou mediante o envío do traballo en papel ou en formato dixital, tal e como se establece nas bases publicadas no taboleiro de anuncios da Sede Electrónica e na páxina web do Concello de Bueu. Estes premios, que naceron como unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués Johán Carballeira, contarán cunha dotación económica de 1500 € para ambas categorías amais da publicación no caso do de poesía, tal e como vén sendo habitual, por parte da Editorial Xerais.

Na pasada edición, as persoas gañadoras foron Daniel Asorey co poemario Transmatria, e Moncho Iglesias Míguez, coa reportaxe Corea do Norte: a vida dese outro lado, na categoría de xornalismo.

Con moita historia

O certame Johán Carballeira celebra este ano a vixésimo segunda edición na categoría de poesía e a décimo sexta na de xornalismo. Cunha gran historia ás súas costas, ao longo deste tempo ten galardoado na categoría de xornalismo a persoas como Francisco Seoane Pérez, Óscar Curros Moure, Moncho Paz, Cristian López Iglesias, Arturo Sánchez Cidrás ou a Antón Lopo, entre outros; e na categoría de poesía, a poetas tan recoñecidos como Xosé Carlos Caneiro, Yolanda Castaño, Xurxo Alonso, Mario Regueira, Berta Dávila, María Carmen Caramés, Ismael Ramos, Marta Dacosta, Lucía Novas, Pura Tejelo, María Reimóndez…

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM