A Xunta abre o prazo de solicitude para a acreditación da experiencia profesional de máis de 2000 galegos

A Consellería de Economía, Emprego e Industria convoca a décima edición deste procedemento para 10 cualificacións entre as que se inclúe como novidade a de confección e mantemento de artes e aparellos (redeiras)

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de convocar a décima edición do procedemento para acreditar a experiencia profesional cun total de 2067 prazas en 10 cualificacións entre as que se inclúe como novidade este ano a de confección e mantemento de artes e aparellos (redeiras).

A esta únense as de atención sociosanitaria a persoas no domicilio; en institucións sociais; servizos para o control de pragas; xestión de servizos para o control de organismos nocivos; socorrismo en espazos acuáticos naturais; en instalacións acuáticas; extinción de incendios e salvamento; tanatopraxia; e operacións de vixilancia e extinción de incendios forestais e apoio a continxencias no medio natural e rural.

Os interesados en anotarse a este procedemento terán de prazo para inscribirse ata o próximo 26 de xaneiro podendo consultar toda a información necesaria na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria, no portal de Emprego: http://emprego.ceei.xunta.gal/portada-reconecemento-experiencia-profesional.

As cualificacións que se convocan, na maioría dos casos, son actividades ou profesións que por normativa, debido a razóns de saúde e seguridade, e co obxectivo de garantir un bo servizo aos usuarios, esixen como requisito imprescindible para poder desempeñalas a posesión dun título o certificado de profesionalidade, que acredite a súa experiencia profesional.

Estas acreditacións da Consellería de Economía, Emprego e Industria teñen carácter oficial e validez nacional, polo que as persoas que obteñan estes recoñecementos poden facelos valer no mercado laboral como certificados oficiais que recoñecen as capacidades adquiridas durante anos de experiencia profesional. O obxectivo é facilitar aos galegos e galegas que poidan progresar na súa carreira profesional e permitir ás empresas optimizar o aproveitamento dos seus recursos humanos.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén publicando este procedemento desde o ano 2011. De media, ao ano, convócanse sobre 2000 prazas. Ata a data, un total de 11.417 galegos e galegas acadaron unha acreditación oficial da súa experiencia profesional.

Con esta nova convocatoria, as prazas ofertadas sumarán máis de 15.900. Galicia atópase á cabeza da formación certificable converténdose en 2011 nunha das Comunidades pioneiras en impulsar este procedemento.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM