A Xunta activa axudas por 8,5M€ para apoiar as entidades sen ánimo de lucro na contratación de máis de 500 persoas desempregadas

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) este programa co que financiará a contratación de desempregados durante nove meses a tempo completo en preto de 170 asociacións

A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha convocatoria de axudas dotada con 8,5 millóns de euros para apoiar a contratación de máis de 500 persoas desempregadas en entidades sen ánimo de lucro. A medida inscríbese nos programas que está a poñer en marcha a Administración autonómica, a través da nova Axenda de Emprego, para reducir o desemprego incrementando as oportunidades laborais dos galegos e galegas.

Con esta iniciativa, cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 14 de setembro, a Consellería de Economía, Emprego e Industria financiará a contratación de desempregados durante nove meses a tempo completo en preto de 170 asociacións que están inscritas no Rexistro único de entidades prestadoras de servizos sociais.

Nesta convocatoria, mantense a ampliación dun 3% no orzamento do programa polo que se estima que se concederá un importe medio por entidade de 50.900 euros e por traballador de 16.440 euros. Ao igual que nos dous anos anteriores, darase tamén prioridade ás entidades que desenvolven proxectos singulares, que son aquelas asociacións que prestan servizos a outros colectivos, contan con máis dunha área de actuación a nivel autonómico ou teñen máis de 100 profesionais no seu cadro de persoal. Das 167 entidades beneficiaras previstas, estímase que 37 terán proxectos singulares nas que se prevé contratar a 187 traballadores. Do global do orzamento (8,5M€) destinaranse tres millóns (35,2% do investimento) para as entidades con proxectos singulares.

Como novidade este ano, as entidades que non recibiron axudas para a contratación de persoas sen emprego nas tres últimas convocatorias contarán con máis puntuación para mellorar as súas opcións. Así mesmo, simplifícase a tramitación para facilitar a xestión ás entidades. Ao respecto, facilitarase a selección das persoas desempregadas a través do portal de Emprego de Galicia mediante a publicación dun procedemento seleccionador e permitirase a selección mixta (a través das oficinas de emprego e do portal de Emprego).

Este programa permitiu nas tres últimas edicións (2017-2019) a contratación de 1455 desempregados, unha cifra que se eleva ata as 8189 contratacións desde o ano 2009.

O reto principal desta medida é, en definitiva, ofrecer unha oportunidade laboral ás persoas desempregadas, proporcionándolles unha experiencia profesional que facilite a súa inserción no mercado de traballo; e apoiar ás entidades sen ánimo de lucro que traballan con colectivos que contan con máis dificultades para atopar un emprego.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario