Ana Miranda fai un chamamento a asinar o manifesto en defensa dos dereitos das linguas minoritarias en Europa

A eurodeputada do BNG integrará as Comisións de Peticións, Pesca, Economía e Xurídica, ademais de diversos Intergrupos, como o de Linguas e Minor

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, tomou parte hoxe da xuntanza do Intergrupo Linguas e Iniciativas por primeira vez desde que asumiu o escano o pasado 28 de febreiro, no que se debateu a Iniciativa Cidadá en Defensa das Linguas Minoritarias. Así, fai un chamamento para que en Galiza se apoie o manifesto proposto dispoñible na web http://www.minority-safepack.eu/ co obxectivo de reforzar a pluralidade cultural e lingüística da Unión Europea.

Ana Miranda subliña que para Galiza ten unha gran importancia que a Unión Europea adopte medidas xurídicas para mellorar a protección das persoas pertencentes ás minorías culturais e lingüísticas que inclúan iniciativas relacionadas coa administración pública, a educación, a sanidade, a xustiza e a cultura. Na súa intervención citou como exemplo os casos acontecidos en diversas ocasións nos que persoas maiores non son atendidas por persoal sanitario alegando que non entenden o galego. Ou o caso acontecido recentemente en Lugo, e denunciado polo Bloque, no que dúas persoas funcionarias negáronse a atender a persoas galegofalantes.

Esta proposta Minority Safepack en defensa das minorías culturais e lingüísticas foi rexistrada o 3 de abril do pasado ano, polo que remata o vindeiro 3 de abril. Polo momento leva recollidas case 900.000 sinaturas do millón que debe acadar para ser tida en conta. Unha vez que a proposta consiga o número mínimo de firmas necesarias, a Comisión Europea dispón de tres meses para convocar aos organizadores e aprobar as medidas que considere oportuno poñer en marcha en resposta á iniciativa cidadá.

Traballo en comisións

A eurodeputada do Bloque vai ser membro titular da Comisión de Peticións. Isto é, a comisión das denuncias na que o BNG levou o saneamento das Rías, a problemática das preferentes, dos emigrantes retornados, da mina de Corcoesto, do abuso bancario coa afectados polas hipotecas e a dación en pagamento, e do accidente do Alvia, entre outras iniciativas.

Así mesmo Ana Miranda vai ser membro substituta nas Comisións de Pesca, de Asuntos Económicos e Financeiros e na Comisión Xurídica. O BNG vai ser tamén membro das Delegacións de Mercosur e da Asemblea Interparlamentar Unión Europea – Parlamentos Latinoamericanos, así como da delegación de América do Norte.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM