Ana Miranda insta ao próximo presidente do Estado a ilegalizar a Fundación Franco

A portavoz do BNG en Europa defende que no Congreso o BNG impulsará o cumprimento da Resolución contra o avance do fascismo en Europa aprobada pola Eurocámara

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, insta ao presidente do goberno que saia das urnas o vindeiro 10 de novembro a cumprir as directrices que marcan a Resolución contra o avance do fascismo en Europa, aprobada na Eurocámara o 25 de outubro de 2018. Segundo salienta Miranda, entre esas directrices figuran a prohibición das asociacións e organizacións que fan apoloxía do fascismo e do nazismo, como é o caso da Fundación Franco.

“É inadmisible que siga existindo unha fundación que fai apoloxía da ditadura, é unha anomalía democrática”, subliña a portavoz do BNG en Europa, para quen existe “unha valiosa ferramenta para frear o avance do fascismo”, xa que no seu artigo 20, a Resolución urxe aos Estados Membros a prohibir as asociacións e organizacións que fan apoloxía do fascismo e do nazismo. “É igualmente inadmisible que os Franco pidan aumento das penas aos activistas que reclaman a devolución dos bens incautados polo ditador e a súa familia”, engade, en referencia ao xuízo suspendido este martes pola ocupación simbólica da casa Cornide.

Segundo afirma Ana Miranda, “a presenza do Bloque no Congreso é imprescindible para aumentar a presión que faga realidade a prohibición da fundación Franco e a devolución do pazo de Meirás”. Considera que a retirada dos restos de Franco do Val de Cuelgamuros é só un paso e que cómpre seguir avanzando na devolución do pazo de Meirás e o resto de bens e inmobles incautados polo ditador e na prohibición da fundación Franco.

“Do mesmo xeito é unha anomalía democrática que no estado español aínda convivan oito fundacións franquistas”, en referencia á Fundación Francisco Franco, a Fundación José Antonio Primo de Rivera, a Fundación Pro Infancia Queipo de Llano, a Fundación Blas Piñar, Fundación Hijas de Millán Astray, a Fundación Ramiro Ledesma Ramos, a Fundación Serrano Suñer e a Fundación Capitán Cortés.

Acceso á documentación

“Lamentablemente no Estado español aínda queda moito por facer”, critica Miranda, quen, á devolución do pazo de Meirás e o resto de bens espoliados polo franquismo, engade a retirada completa da simboloxía franquista aínda existente e permitir o acceso á documentación relacionada coa ditadura. Neste sentido lembra que o BNG xa instou á ONU a investigar ao Estado español por vetar o acceso a documentación pública e privada sobre a ditadura franquista e pola existencia de fundacións ligadas ao franquismo, “un anacronismo en Europa”. Precisamente esa fundación Franco é a que xestiona o Pazo de Meirás, “un símbolo vixente da ditadura”, do que os herdeiros do ditador seguen desfrutando.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM