“Austeridade e fascismo son as dúas caras da mesma moeda: as políticas da UE alimentan a extrema dereita”

Semana de formación do GUE/NGL en Nápoles para coñecer proxectos alternativos impulsados pola sociedade civil

Durante esta semana a eurodeputada galega Lídia Senra estivo a participar nas xornadas de formación convocadas polo Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL) en Nápoles co obxectivo de coñecer de primeira man proxectos alternativos construídos directamente dende as bases sociais para mudar a cidade.

Lamentablemente, ultimamente as novas que estamos a escoitar de Italia alértannos da escalada do fascismo neste país. Dende a actitude inhumana do ministro Salvini opoñéndose ao rescate de persoas refuxiadas, pasando pola agresión fascista que a deputada do GUE/NGL Eleonora Florenza e o seu equipo sufriron o sábado pasado en Bari. Pero o que precisamos agora é pór enriba da mesa propostas que funcionen, e durante estes días puidemos coñecer varios exemplos. A extrema dereita utiliza o medo. Nós precisamos respostar dende as esquerda cunha mensaxe clara e simple que aborde as verdadeiras preocupacións da cidadanía”.

A semana de formación comezou mantendo reunións con traballadores/as sociais e profesorado, que ao tempo que deron conta das súas experiencias a pé de rúa situaron a importancia da educación pública e da cultura como ferramenta estratéxica para o desenvolvemento e a inclusión social.

Baixo o título “Redución do tempo de traballo, ingreso básico e estándar social: unha proposta para facer fronte ao desemprego e a precariedade”, as eurodeputadas/os do Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea debullaron alternativas para poñer freo á escravitude moderna á que os grandes capitais pretenden abocar ás clases populares. “O concepto de “traballadores e traballadoras pobres”, a día de hoxe totalmente instaurado nas nosas sociedades, ten que ser denunciado urxentemente como unha liña vermella. Os Gobernos e as institucións lexislativas teñen a obriga de reverter esta situación. É unha realidade que na UE existen millóns de persoas que traballan máis horas ao día do que a lei permite e a cambio obteñen salarios miserábeis cos que non poden vivir dignamente. A isto hai que sumarlle tódolos millóns de persoas que non teñen traballo, que dependen, polo tanto, doutras persoas ou da asistencia para poder mesmo sobrevivir”, reflexionou a eurodeputada galega.

A xornada do hoxe, que puxo punto e final ás xornadas de formación,  centrouse en analizar a actual ofensiva de privatización de servizos e capitalización do que até agora eran dereitos sociais na UE. O debate estruturouse arredor da premisa “Defensa dos bens comúns. Débeda pública,  austeridade e extorsión”. Senra reiterou a necesidade de establecer a Renda Básica Universal “como un instrumento de reparto da riqueza e de combate contra a pobreza”, así como a necesidade de “manter e recuperar os dereitos laborais e as conquistas sociais que nos foron arrebatando, así como os servizos públicos para todas as persoas”. Ademais, criticou as graves contradicións existentes entre o discurso e a praxe das propias institucións comunitarias, e reivindicou que “Europa non se constrúe con propaganda, nin con demagoxia nin con represión. Europa constrúese poñendo fin ás políticas de axuste e aos recortes. Constrúese facendo que a débeda a paguen os responsables de contraela, é dicir, os bancos e as grandes empresas.”

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM