BNG reclama á Xunta que facilite a realización dos cursos preparatorios e das probas do CELGA no exterior de Galiza

O deputado Daniel Castro advirte que as persoas que estudan galego fóra do país teñen que desprazarse a Santiago ou Ponferrada para examinarse

O BNG vén de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento galego para instar á Xunta a volver ofrecer a posibilidade de realizar, tanto os cursos preparatorios como as probas CELGA, en todos aqueles centros que ofrezan cursos de lingua galega tanto en Galiza como no exterior.

O Bloque leva á Cámara esta reivindicación logo que o Goberno galego decidira suspender os cursos preparatorios e os exames fóra do país, agás na cidade de Ponferrada, o que provoca que calquera persoa non universitaria só poda preparar dito exame nas cidades de Santiago de Compostela e Ponferrada, e nunha única Escola Oficial de Idiomas (EOI), a Jesús Maestro de Madrid.

Segundo explica o deputado Daniel Castro, as consecuencias desta ausencia de cursos preparatorios provoca -ademais da redución das saídas laborais dos e das graduadas en lingua e literatura galegas- un importante déficit na preparación das probas, “levando a que moitas persoas teñan que empregar a autoaprendizaxe a través da rede cuns materiais didácticos sempre escasos”.

A isto hai que sumarlle as dificultades coas que se atopan as persoas que, pese ás trabas, deciden estudar pola súa conta e examinarse para acreditar o CELGA. Neste sentido, a formación nacionalista exemplifica a situación no caso dun grupo de alumnos e alumnas catalás que están estudando galego en Barcelona a través da cooperativa Aula d’Idiomes e que lanzaron unha petición á Xunta para que se lles permita acreditar oficialmente a lingua galega, como se tiña feito anos atrás, sen ter que desprazarse a Galiza.

A través desta petición déixase ver os impedimentos que se atopan para poder presentarse aos exames: viaxar obrigatoriamente ou a Santiago ou a Ponferrada, asumir os custes persoalmente e, dada a pouca antelación na concreción das datas das probas por parte do Executivo galego, o encarecemento dos gastos de viaxe e aloxamento e a dificultade para conciliar o desprazamento coa vida laboral. Ante todas estas dificultades, o alumnado da Aula d’Idiomes pon como exemplo o funcionamento do Institut Ramon Llull, que organiza probas alén das fronteiras catalás, entre outros moitos lugares, en Galiza.

Ante as demandas chegadas nesta mesma liña fóra das fronteiras estatais e mesmo europeas para poder estudar a nosa lingua coma outra máis entre as optativas nos centros de linguas, o BNG reclama ao Goberno do PP que facilite esta posibilidade e a acreditación oficial de galego dándolle o prestixio social e profesional que tiña hai anos en diferentes cidades.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM