Lídia Senra demanda á Comisión Europea que a pesca artesanal quede fóra do novo Regulamento de control

A eurodeputada reuniuse esta mañá con unha das responsábeis da redacción da proposta do novo Regulamento de Control da Pesca da CE

A deputada Lídia Senra, representante do Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo (PE), mantivo na mañá de hoxe un encontro con Laurence Cordier, asesora legal da Unidade de Control da Pesca e Inspeccións da Comisión Europea,  co obxectivo de intercambiar opinións ao respecto da proposta de modificación do Regulamento de Control da Pesca presentado pola CE e trasladarlle a súa opinión ao respecto.

Actualmente, as medidas polas que se establece o Réxime de Control da Pesca (RCP) da Unión Europea para garantir o cumprimento das normas da PPC están recollidas en catro actos lexislativos distintos: o Regulamento de control da pesca; o Regulamento polo que se crea a Axencia Europea de Control da Pesca (AECP); o Regulamento polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada (Regulamento INDNR) e o Regulamento sobre a xestión sostíbel das flotas pesqueiras exteriores. A proposta da CE sobre a que está a traballar arestora o PE  ten por obxecto revisar o RCP, a excepción do Regulamento sobre a xestión sostíbel das flotas pesqueiras exteriores, revisado recentemente. O informe elaborado pola Comisión de Pesca do PE, vinculado á proposta de modificación do Regulamento de control da pesca realizada pola Comisión -neste caso emendas ao Regulamento-, será previsibelmente votado polo pleno do Parlamento Europeo do mes de abril, e xa o vindeiro 5 de febreiro remata o prazo de achega de emendas

Senra, que é precisamente a responsábel para o GUE/NGL do seguimento do informe da Comisión de Pesca da Eurocámara, explicou hoxe á representante da CE que a proposta de Regulamento sobre o que se está a traballar “non está adaptado en absoluto á pesca artesanal. Entre outros aspectos, que presentaremos como emendas ao texto, a aplicación das medidas técnicas tal e como están recollidas a día de hoxe na proposta de modificación do Regulamento conlevan  inda unha maior burocratización, moi dificilmente asumíbel polos barcos pequenos. Ese é o caso tamén de certas incorporacións tecnolóxicas”.

 “A conclusión é clara. Só hai dúas opcións: ou retirar a pesca artesanal desta proposta de modificación do Regulamento de Control ou incluír nel medidas específicas, traballadas co sector, que teñan en conta a realidade da pesca artesanal. Porque, tal e como está a día de hoxe a proposta de modificación do Regulamento, so poderiamos apoialo se a pesca artesanal e de pequena escala quedan excluídas da súa aplicación”.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM