Lídia Senra loitará pola supervivencia do “xeito” fronte a ambigüidade da Comisión Europea

Senra preguntou á CE se as futuras medidas técnicas blindan esta arte tradicional de pesca e Vella contesta que é demasiado cedo para sabelo

Segundo o comisario europeo de Pesca, Karmenu Vella,  “é demasiado cedo para dar algunha indicación sobre o resultado que se espera [das negociacións sobre o futuro regulamento de medidas técnicas de pesca], ou sobre se se manterá a dimensión da malla de rede do xeito”. Así o sinala o responsable comunitario de pesca na súa resposta escrita á pregunta parlamentaria que Lídia Senra, eurodeputada galega do Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) e membro da Comisión de Pesca, realizou o pasado xaneiro á Comisión Europea para aclarar a situación do xeito no informe aprobado nese mesmo mes polo pleno do Parlamento Europeo, que marca a posición da dita institución nos trílogos co Consello e a Comisión Europea que darán forma ao texto final nos vindeiros meses. Esta reposta, lonxe de confirmar a presunta blindaxe desta arte de pesca tradicional logo do intento de prohibición de 2014, mantén a ambigüidade respecto do uso desta arte de pesca que usa o sector artesanal galego para capturar sardiña.

Vella explica que “a proposta de la Comisión sobre medidas técnicas  especifica que a dimensión da malla para pescar especies peláxicas pequenas con redes de deriva, como o xeito, é de 50 mm. Logo da votación na sesión plenaria de xaneiro, polo momento, é demasiado cedo para dar algunha indicación sobre o resultado que se espera, ou sobre se se manterá a dimensión da malla da rede do xeito”. Esta resposta é unha clara advertencia de que a batalla do xeito non está gañada e que das negociacións dos vindeiros meses dependerá o futuro desta arte da pesca artesanal.

Lídia Senra leva anos loitando co sector artesanal para a protección do xeito. Dende 2014 esixiu en numerosas ocasións a protección desta arte tradicional, selectiva e polo tanto respectuosa coa conservación dos recursos pesqueiros e que a Comisión Europea intentou incluír na súa prohibición da pesca con redes de deriva. “Esta é unha rede pequena, respectuosa e selectiva, que apenas produce capturas accidentais, con barcos de un ou dous tripulantes e da cal, na Galiza, dependen arredor dun milleiro de familias”, defende.

A europarlamentaria ten serias dúbidas de que o texto aprobado no Parlamento Europeo protexa de maneira efectiva a arte do xeito. “No anexo VII, parte B, que afecta ás aguas suroccidentais, non vemos ben reflexada nin definida a  rede do xeito”. Dado que non foron incorporadas nin as emendas presentadas nestes sentido pola propia Lídia Senra, nin a presentada por outro dos poñentes para incluír a especificación do uso de mallas de menos de 40mm para a pesca da sardiña, a eurodeputada galega decidiu absterse na votación do informe no Pleno pese a incorporar  este cuestións positivas -nomeadamente as emendas para garantir a prohibición da pesca con impulsos eléctricos-.

Inmediatamente, e como reacción ao rexeitamento das emendas relativas ao xeito, Senra procedeu a rexistrar unha pregunta parlamentaria dirixida á Comisión Europea (CE) na que consultaba á CE pola súa opinión ao respecto da pertinencia de excluír o xeito desta prohibición. Esta é a pregunta que agora responde o comisario Vella, que en xaneiro de 2015, respondía tamén a outra pregunta de Senra asegurando que a CE estaba mantendo contactos para “debater a repercusión da prohibición do xeito”. Finalmente, grazas á mobilización do sector, no ano 2015 a Comisión Europea afirmara renunciar ao veto“Pero esta nova resposta de Vella confírmanos que non debemos dar esta batalla por gañada porque o regulamento de medidas técnicas é clave para o seu futuro, xa que establecerá as características das artes usadas pola frota pesqueira europea”. 

Lídia Senra considerou nada máis coñecer a proposta de regulamento de medidas técnicas que a inclusión do xeito non quedaba clara, polo que en novembro de 2017 dirixiuse directamente ao Comisario de Pesca Karmenu Vella a través dunha carta na que lle facía constar as súas dúbidas.  Na resposta trasladada a Senra o pasado 22 de decembro Vella contestaba que esta arte non estaba afectada pola prohibición de empregar redes de máis de 2,5km recollida na proposta de regulamento. Pero o comisario non estaba ser preciso, xa que aludía á lonxitude da rede e non á dimensión da malla en si, aspecto ao que apuntaban precisamente  as emendas rexeitadas no Pleno.

“A protección do xeito é fundamental, xa que afecta directamente a moitas familias galegas, así como á economía das nosas vilas mariñeiras e pobos costeiros, ademais de constituír unha das nosas expresións tradicionais e formar parte da nosa cultura e identidade como pobo galego. Temos a responsabilidade de loitar para que as demandas do sector fiquen claramente incorporadas, para que logo non teñan que ser precisamente as propias persoas afectadas as teñan que empregar os seus esforzos en mobilizarse para defenderse fronte á UE”, defendeu a eurodeputada.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM