Novos acordos UE-Marrocos poderían obstaculizar as negociacións de paz co pobo saharauí

Como vén denunciando nas últimas semanas a eurodeputada galega Lídia Senra, logo de que o Tribunal de Xustiza da UE (TXUE) anulara no ano 2015 o acordo de libre comercio asinado entre a Unión Europea e Marrocos, e de que no 2018 anulara tamén o acordo pesqueiro, as institucións europeas están a tentar aprobar dous novos acordos que lles permitan seguir aproveitándose dos recursos naturais do pobo saharauí sen renunciar a ter como socio ao Reino de Marrocos, potencia ocupante.

Con este obxectivo está a desenvolver un procedemento coñecido como “intercambio de notas” ao cal, en palabras da propia Organización das Nacións Unidas (ONU), adóitase recorrer por tratarse dun procedemento rápido, ou, ás veces, para evitar o proceso de aprobación lexislativa.

No marco desta folla de ruta, hoxe finalizou o prazo para presentación de emendas ao proxecto de informe que a Comisión de Pesca do Parlamento Europeo elaborou sobre a proposta de  Decisión do Consello relativa á celebración do Acordo de colaboración de pesca entre UE-Marrocos. Serán votadas o vindeiro 23 de xaneiro e o informe prevese que sexa levado ao pleno do Parlamento Europeo no mes de febreiro.

A través do rexistro de 23 emendas, Lídia Senra, responsábel do seguimento deste informe para o Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) e representante do mesmo na Comisión de Pesca do PE fixo unha compilación dos principais argumentos polos que insta a dita Comisión parlamentaria a propoñer que o Parlamento Europeo decline o seu consentimento a este acordo.

En primeiro termo, lembra Senra nas súas achegas, nunca se pode perder de vista que “o Sáhara Occidental é actualmente un territorio non autónomo baixo a ocupación militar estranxeira de Marrocos, dividido por un muro de máis de 2.700 quilómetros”, polo que “o acceso aos seus recursos naturais é precisamente unha das claves do conflito e a explotación dos mesmos sen consentimento do pobo saharauí supón unha violación do Artigo 73 da Carta das Nacións Unidas”.

Outro aspecto a ter en conta, introduce a galega nunha das emendas rexistradas, é o prexuízo económico para o propio pobo saharauí, que debido á aplicación ilegal do Acordo de Pesca UE-Marrocos ao Sáhara Occidental perdeu de recibir 58.8 millóns en concepto de acceso aos recursos, pero tamén 34 millóns vinculados ao canon, 300 millóns no valor das capturas e 37 millóns en apoio sectorial, polo que o dano económico causado alcanza os 430 millóns de euros. Ademais, destaca, “a sentenza do TSXUE revela tamén que a través do acordo de pesca ilegalizado cometeuse unha fraude de 95,8 millóns de euros ao orzamento da UE”.

Asemade, a deputada aproveitou novamente esta oportunidade para resaltar nas súas emendas que “o pobo do Sáhara Occidental non deu o seu consentimento para este novo acordo que están a tentar aprobar a UE e Marrocos. Este é un requisito establecido na sentenza do TXUE, e é a Fronte Polisario a que, en virtude da Resolución 34/37 da Asemblea Xeral das Nacións Unidas, ten a lexitimidade para pronunciarse ao respecto”.

Senra reiterou novamente a ilegalidade do novo acordo presentado polo Consello, ao reincidir este documento na inclusión da explotación pesqueira do Sáhara Occidental, aspecto no que se basea a ilegalización do anterior acordo polo TSXUE. “A UE non pode pechar os ollos ante as dúbidas expresadas, xa non só por algúns dos Estados membro, a Fronte Polisario e organizacións sociais, se non mesmo polo propio Servizo Xurídico do PE, habida conta das posíbeis repercusións legais e políticas que podería ter este acordo sobre o exercicio do dereito á libre determinación do Sáhara Occidental”.

Se a UE quere apoiar e alentar o actual proceso de paz en curso baixo os auspicios do Enviado Especial del Secretario Xeral da ONU para o Sáhara Occidental, Horst Köhler, puntualizou a galega, “a UE debe absterse de ratificar calquera Acordo emendado entre a UE e Marrocos aplicable ao Sáhara Occidental, xa que isto implicaría o apoio da UE a unha das dúas partes no conflito, obstaculizando os esforzos da ONU para alcanzar unha solución política nun momento estratéxico, xa que se prevé que as partes se van reunir este mesmo mes en Xenebra, no que serían primeiras negociacións directas entre a Fronte Polisario e Marrocos desde 2012”.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM