O proceso de autorización do glifosato está totalmente en entredito. Esiximos a súa retirada

O PE aproba un informe que recomenda deixar de empregar fitosanitarios como o glifosato en lugares públicos e pide máis control

Logo da controvertida ampliación no ano 2017 da utilización do glifosato comercializado pola transnacional agrofarmacéutica Monsanto por outros 5 anos máis, e da preocupación suscitada pola constatación do coñecemento dos efectos nocivos do glifosato na saúde por parte da Monsanto xa dende a década de 1980, en febreiro do ano pasado o Parlamento Europeo decidiu crear o Comité Especial sobre o Procedemento de Autorización da Unión para os Praguicidas (PEST) con un obxectivo concreto: elaborar un informe compendiando recomendacións para mellorar o procedemento de autorización da UE no referente a praguicidas.

Cumprindo co calendario de traballo proposto, o  informe Procedemento de autorización da Unión para os praguicidas foi votado e aprobado polo PE na sesión plenaria desta semana. Dito texto avoga polo establecemento de mecanismos que garantan que o procedemento de aprobación de praguicidas da UE sexa máis transparente e independente, facéndose eco das dúbidas xeralizadas existentes con respecto á independencia, obxectividade e transparencia das avaliacións referidas ás substancias activas e aos produtos fitosanitarios na UE.

coordenadora do Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural, Lídia Senra, valora esta posición do PE como “un paso positivo e importante”, pero advirte “agora toca realizar un seguimento exhaustivo de cara a confirmar se se van pór en marcha as recomendacións feitas no informe, nomeadamente cuestións claras e concretas como que a Comisión e os Estados membro deixen de permitir a utilización de produtos fitosanitarios nos espazos públicos en xeral e, de xeito específico, nos parques e xardíns públicos, campos de deporte e áreas de recreo, escolares e de xogo infantil, así como nas inmediacións dos centros de asistencia sanitaria”.

Ca aprobación deste informe o PE pide á Comisión e aos Estados membro que garantan unha avaliación das substancias activas e produtos fitosanitarios independente, obxectiva e transparente; que vele pola aplicación plena e uniforme dos criterios de exclusión por razón de perigo das sustancias activas que sean mutaxénicas, carcinoxénicas ou tóxicas para a reprodución ou que presenten propiedades de alteración endocrina, e que apliquen debidamente o principio de precaución, adoptando incluso medidas provisionais de risco para garantir un elevado nivel de protección da saúde humana. “Reiterámolo unha vez máis, sempre se ten que respectar o principio de precaución, tanto para autorizar a comercialización de novos produtos como para impedir a prolongación de autorizacións de produtos que xa están utilizándose. Ademais, é preciso que todas as fases do proceso de autorización sexan realizadan dende organismos públicos con medios propios, que podan garantir a súa independencia”.

Máis aló do glifosato, a Comisión PEST recomenda tamén a maior limitación posíbel doutros produtos fitosanitarios sistémicos, incluso para o tratamento de sementes, se existe a posibilidade de que sexan un perigo para a saúde humana e o medio ambiente; a creación dun sistema de vixilancia posterior á comercialización que garanta un seguimento continuo dos efectos do uso de produtos fitosanitarios na saúde humana, animal e no medio ambiente, así como a realización por parte da Comisión Europea dun estudo epidemiolóxico que aclare os efectos na vida real dos produtos fitosanitarios no que respecta á saúde das persoas.

Aliás, o informe elaborado pola comisión especial PEST revelou tamén que, ao fío da tendencia á alza detectada dende o ano 2009, no ano 2016 a Unión Europea utilizou 368.588 toneladas de praguicidas, o que supón o 11,8 % del consumo mundial, pero que só dez destas sustancias están aprobadas como produtos fitosanitarios de baixo risco, das case 500 presentes no mercado da Unión. “Sabemos que existen métodos agroecolóxicos para facer fronte ás pragas, para tratar os nosos cultivos. Non sería máis responsábel tentar difundir esas prácticas naturais, coñecementos empregados durante centos de anos, e traballar por melloralas en lugar de estar empregando produtos que xa sabemos que entrañan riscos para a saúde e o medioambiente?” Neste sentido o informe aposta pola investigación de posíbeis alternativas aos produtos fitosanitarios, incluídos métodos non químicos e técnicas agroecolóxicas, como xeito de optimizar o control das pragas dun xeito sostíbel.

O informe da Comisión PEST destaca asemade o feito de que nos últimos vintesete anos tivo lugar unha diminución de máis do 75% da biomasa total de insectos voadores en áreas protexidas, e que a industrialización da agricultura está vinculada co descenso xeral de biodiversidade.

En relación aos procedementos de autorización, o texto aprobado polo PE é tamén claro ao recoñecer a existencia dunha certa “inquedanza” respecto á transparencia e conflitos de intereses nos procesos de autorización, preocupación vinculada a cuestións como que en ocasións sexa o mesmo Estado que elabora o proxecto inicial de informe de avaliación o encargado pola Comisión Europea para dar o visto bo á renovación dese mesmo informe, situación agravada polo feito de que ata o momento aproximadamente o 80% de tódolos expedientes foron xestionados por tan só 4 países -Francia, Países Baixos, Alemaña e Reino Unido-.

Ademais, esta mesma semana o Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) deu a coñecer os resultados dunha investigación impulsada pola eurodeputada Anja Hazekamp que revelou que o German Federal Institute for Risk Management (BfR), encargado de investigar os efectos do glifosato na saúde, copiou o 50.1% da súa avaliación de seguridade -500 páxinas aproximadamente- de estudios realizados pola propia Monsanto, co agravante de que procesos xudiciais como os postos en marcha nos EEUU están confirmando a manipulación que a empresa realiza destes datos.

“Ata a propia Monsanto negouse a vir ao Parlamento o ano pasado a dar explicacións sobre a certeza de que dende principios da década de 1980 vén ocultando información ao respecto do seu coñecemento sobre os efectos canceríxenos deste herbicida que inda a día de hoxe é diseminado sen control nas nosas fincas e nas propias cunetas das estradas”, lembra a eurodeputada galega.

Senra coincide ca súa colega Hazecamp en que a decisión de renovar a licencia do glifosato tomada polo German Federal Institute for Risk Management (BfR), a EFSA (European Food Safety Authority) e a Comisión Europea co consentimento da maioría dos Estados membro “baseouse en estudos dubidosos, manipulados e patrocinados pola propia Monsanto”, polo que “a UE debe actuar con responsabilidade e activar o antes posíbel mecanismos de suspensión da aplicación e venda deste veleno. É urxente. Non só estamos a falar dunha situación que afecta á saúde de 500 millóns de persoas e ao medio ambiente europeo, se non que a Monsanto está actuando con impunidade ao longo de todo o planeta, e ao igual que para Europa é significativo que esta empresa estea a ser condenada nos EEUU, tamén para o resto de países sería importante que a UE adoptase unha actitude firme contra o glifosato”.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM