Senra condena o apoio do PE ao golpe de Estado en Venezuela e pide respecto ao dereito internacional

Instigada polo PP, PSOE e Ciudadanos, a Eurocámara toma partido na desestabilización da política interna venezolana a favor de Guaidó

O Parlamento Europeo vén de aprobar unha resolución na que os grupos socialista (S&D), popular (PPE), liberal (ALDE) e conservador (ECR) rexeitan os principios máis básicos da democracia atacando á soberanía de Venezuela a través do recoñecemento dun presidente autoproclamado fóra do marco constitucional. Diante desta decisión, a eurodeputada Lídia Senra quere reiterar a enérxica condena do Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica “tanto á autoproclamación de Guaidó como á estratexia a través da cal se está a pretender lexitimar unha intervención extranxeira en Venezuela apoiada por Estados Unidos e o denominado Grupo de Lima”.

Ademais, a eurodeputada galega do GUE/NGL dirixiu hoxe unha pregunta escrita á Alta Representante da Unión para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade e Vicepresidenta da Comisión Europea, Federica Mogherini, na que expresa a súa crítica á posición totalmente inxerencista adoptada pola Unión Europea.

En primeiro lugar, Senra lembra a Mogherini que o intento de golpe de Estado promovido pola oposición venezolana, no que se inclúe a autoproclamación do diputado Guidó como “presidente interino”, vulnera en sí mismo a propia Constitución da República Bolivariana de Venezuela.

Seguidamente, chama a atención sobre o comportamento que a UE vén adoptando dende un principio neste contexto, onde destaca unha chamativa vontade de inxerencia nos asuntos internos deste país. “Gustaríame saber cal é o interese detrás de que algúns dos Estados membro da UE apoiaran a realización dun debate promovido por Donald Trump no  Consello de Seguridade da ONU co obxectivo de respaldar a autoproclamación de Guaidó, incumprindo claramente o principio de non intervención e vulnerando a soberanía do pobo venezolano”.

Senra considera que a firme predisposición do ente comunitario a tomar partido na política interna de Venezuela non se corresponde co seu declarado respecto ao dereito internacional e aos principios da Carta das Nacións Unidas, dado que esta sinala no Artigo 2 do Apartado 7 que ningunha das súas disposicións autoriza ás Nacións Unidas a intervir nos asuntos que son esencialmente da xurisdición dos Estados. “Vai apoiar a Alta Representante unha intervención estranxeira promovida polos Estados Unidos en Venezuela, violando polo tanto o Dereito Internacional e indo mesmo en contra do criterio do Consello de Seguridade das Nacións Unidas?”, cuestiona Senra á Alta Representante da UE, “E dado que o dereito internacional tamén rexeita as accións unilaterais por parte dos Estados, que opinión lle merecen as sancións económicas impostas contra o pobo venezolano?”, inquire.

Apelando ao desenvolvemento dun marco de relacións internacionais enfocado á estabilidade e á paz, Lídia Senra incide en que a UE ten só dúas opcións ante a escalada de tensións provocada pola oposición venezolana, “ou ben posicionarse a favor do diálogo inclusivo no país ou todo o contrario, apoiar irresponsabelmente o golpe de Estado recoñecendo a Guaidó”.

Senra, asinante da moción presentada polo GUE/NGL durante a actual sesión plenaria -e que finalmente non foi votada ao ser aprobada en primeiro lugar a proposta polos grupos conservadores-, advirte “Dende o GUE/NGL rexeitamos a tentativa de golpe de Estado en Venezuela, exiximos o fin da inxerencia internacional e dicímoslle á UE que o petróleo é do pobo venezolano, e que querer manter o nivel de vida dos máis ricos de Europa non lles dá dereito a apoiar o golpe, nin a atacar ao pobo de Venezuela, nin a roubarlle os seus recursos. Non máis sangue por petróleo”.

 

 

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM