A Xunta publica no DOG o decreto que facilita a execución de obras menores de conservación e mantemento nas proximidades dos ríos sen autorización previa de augas de Galicia

Os traballos menores no dominio público hidráulico poderán comezar o mesmo día da presentación da declaración responsable, suprimindo o actual prazo de 15 días

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o Decreto polo que se modifican determinadas disposicións vixentes en materia de augas e que facilitará a execución de obras menores de conservación e mantemento nas proximidades dos ríos da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, de competencia autonómica.

Este Decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no DOG, é dicir, o vindeiro día 23 de marzo. No seguinte enlace pódese ampliar a información relativa ao mesmo: https://bit.ly/2VDRnj1

O obxectivo desta nova disposición normativa é ampliar o catálogo de actuacións que se poden acometer ao carón dos leitos fluviais con só unha declaración responsable ante a Administración hidráulica da Xunta, sen ter que agardar a autorización de Augas de Galicia.

Trátase da modificación do Decreto 1/2015, do 15 de xaneiro, que vén a aumentar os casos nos que se pode substituír o trámite de autorización, polo de declaración responsable. Inclúense traballos menores na zona de policía dos rios da demarcación Galicia-Costa, en xeral unha franxa de 100 metros a cada lado dos canles dos ríos.

Este cambio no regulamento introduce ademais, como novidade que os traballos menores no dominio público hidráulico poidan comezarse desde o mesmo momento da presentación da declaración responsable, o que axiliza substancialmente a súa tramitación. Ata agora, os traballos permitidos con só declaración responsable non podían comezar ata 15 días despois da presentación da dita declaración.

Beneficiaranse desta redución de prazos os traballos menores que xa podían realizarse previa declaración responsable e que son as seguintes actuacións menores de mantemento
e conservación do dominio público hidráulico da demarcación hidrográfica Galicia-Costa:
• Retirada de árbores mortas e podas de árbores que impidan accesos ás canle ou, sempre que non impliquen perda do substrato arbóreo da ribeira.
• Retirada de árbores mortas e podas de árbores que reduzan a capacidade da canle do río.
• Retirada de elementos arrastrados pola corrente que obstrúan a canle ou que constitúan un elemento de degradación ou contaminación.
• Mantemento das seccións de medición de caudais das redes oficiais de estacións de medición.

Ademais, pasarán a poder executarse só con declaración responsable, sen necesidade de autorización, as seguintes actuacións menores de mantemento e conservación no dominio público hidráulico e na súa zona de policía:
• En infraestruturas, o bacheo de pistas forestais e a renovación de capas de rodadura de estradas e outras obras menores de mantemento ou de mellora da rede viaria pública tales como a renovación dos tendidos soterrados de redes de abastecemento de auga, sumidoiros, de electricidade, de gas ou de telecomunicacións, agás cando para a súa execución fosen precisos movementos de terras. Tamén, a colocación e substitución de carteis informativos ou de sinalización.
• En edificacións e vivendas, as consistentes en pintado de, revestimento e impermeabilización de fachadas, cambio de fiestras ou substitución de tellados e outras actuacións de similares características que en ningún caso impliquen ampliación do volume.
• Os seguintes tipos de peches: pastor eléctrico para gardar animais e permeables de malla ou similares e cunha distancia mínima entre postes de 3 m.

A Xunta recibe ao ano unhas 1.200 solicitudes de autorizacións de obras que, en ocasións, poden saturar o servizo e adiarse na súa emisión. Coa nova normativa, estímase que entre 400 e 500 destas solicitudes poderán acollerse á declaración responsable, axilizando as actuacións e centrando os esforzos nos eidos nos que resulte máis necesario actuar.

Modelo de declaración responsable

O DOG tamén publica hoxe a orde pola que se aproba o modelo de declaración responsable para a realización de actuacións menores de mantemento e conservación no dominio público hidráulico e zona de policía. No seguinte enlace pódense consultar os pasos a seguir, así como o modelo: https://bit.ly/32PhIwm

Esta declaración presentarase por vía electrónica no caso das administracións públicas, persoas xurídicas ou as que exerzan unha actividade profesional para a cal se requira colexiación, entre outras.

Aquelas persoas interesadas, non obrigadas á presentación electrónica, poderán achegar a declaración responsable presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM