As deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra lamentan que a Xunta perda a oportunidade dun plan coordinado de rescate á hostalaría de 140 millóns de euros e aposte por destinar en solitario só 75 millóns para todos os sectores

Rexeitan a falta de vontade negociadora da Xunta, que vén defendendo o “modelo Valencia” dende o principio, non acepte agora reproducir a fórmula valenciana de xestión, canalizando as axudas a través dos concellos

Menos fondos e máis destinatarios. A intransixencia da Xunta a que os concellos aporten parte dos fondos e xestionen as axudas fai que hoxe perdamos a oportunidade de articular un verdadeiro plan coordinado de rescate para a hostalaría de Galicia e saiamos cunha liña máis de axudas da Xunta cunha cantidade claramente insuficiente para atender aos múltiples sectores á que vai destinada. Perdemos un plan de 140 millóns para hostalaría e turismo e saímos con unha liña de axudas de 75 millóns para todos os sectores, que nin é plan nin é para a hostalaría.

Esta é valoración que as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra fan do resultado da reunión desta tarde, para intentar chegar a un consenso sobre un fondo común de axudas para o sector da hostalaría e o turismo, no que participarían Xunta, deputacións e concellos, e que rematou sen acordo ante a negativa da administración autonómica a

debater sequera aceptar a proposta de que as axudas fosen xestionadas desde os concellos, a administración máis próxima á cidadanía.

As tres deputacións lamentaron que a Xunta, que vén defendendo o “modelo Valencia” desde o principio, non acepte agora a fórmula valenciana de xestión, que canaliza as axudas a través dos concellos, cunha acreditada capacidade de xestión xa que foron a primeira administración en dar resposta ante as graves consecuencias sociais e económicas provocadas pola pandemia da Covid-19.

Apuntan que en Galicia xa hai moitos concellos que non tiveron problema en dar axudas de forma inmediata porque habilitaron sistemas que eliminaban burocracia e tempo, para que dunha forma fácil e áxil os sectores máis afectados puideran ter os fondos. “Os datos son claros: os concellos veñen demostrando que son moito más áxiles, rápido e eficaces nos pagos de facturas que a propia administración autonómica”.

As tres deputacións incidiron en que a proposta do “1% hostaleiro” é un sistema “xusto e proporcional, igual para todos” e volveron a comprometerse hoxe a achegar o 1% dos seus orzamentos a un plan coordinado de rescate dun sector que atravesa unha situación crítica, aínda que a Xunta, cun orzamento 100 veces superior, só achegue o 0,6% (75 millóns de euros).

Pero o acordo non foi posible debido á negativa rotunda da Xunta a que as axudas sexan xestionadas polos concellos, como propuxeron as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra e a propia FEGAMP, que reprocharon á administración autonómica que non atendera as numerosas ofertas de colaboración enviadas ao presidente Feijoo desde o inicio da pandemia e pretenda agora “pechar un plan coordinado de rescate de 100 millóns en 48 horas, sen diálogo e cunha postura pechada de antemán”.

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira destacou que asistira á reunión “con espírito construtivo” e lamentou que non se “chegara a un acordo”. Pola súa banda, o voceiro do Goberno provincial coruñés, Bernardo Fernández criticou “a falta de vontade negociadora da Xunta, que acudiu á reunión coa única idea de impor o seu criterio”.

“Lamentamos que a Xunta prive ó sector dun verdadeiro e ambicioso fondo de rescate, de 140M€, tal e como propoñíamos, por non querer nin sequera falar da implicación dos concellos na distribución dos fondos”, afirmou a deputada de Turismo de Lugo, Pilar García Porto, que destacou tamén que “a Xunta apelou ao plan Valencia para a aportación

dos recursos, iso si, sen contar para nada coas administracións implicadas, pero ese mesmo plan non lles vale como modelo para o reparto das axudas”.

A deputada lucense sostivo que “ a Xunta volve a demostrar que non conta para nada coa administración local, algo que vén facendo sobre todo dende o inicio da pandemia. Só conta cos concellos para impoñerlles cada vez máis competencias impropias, sen transferirlles os recursos. Todo o contrario, recórtallos”, sinalou denunciando “a total falta de lealdade e de respecto institucional desde un principio e ata a reunión de hoxe, na que nin quixeron escoitar a proposta que traíamos e, unilateralmente, decidiron levantarse da mesa”.

O deputado pontevedrés Carlos Font afirmou que “viñemos coa intención dun plan único de axuda aos sectores que sofren unha merma económica, unha proposta detallada, que é o Plan Valencia, un plan áxil, potente, absolutamente imbatible, legal e asumible. É dificil explicar o aceptar 75 millóns e non chegar a 140. Tócalle a Xunta explicar por que non quere o Plan Valencia que dixeron todo o tempo que era o idóneo”, apuntou.

Font considerou que “a Xunta entrou á reunión coa intención de romper, non quixeron escoitar” e sostivo que o principal problema é que “a Xunta non quere ceder fondos nin xestión aos concellos”. “Imos a manter o 1% e seguir plantexando cada día onde están os 224 millóns de euros de transferencias do Estado para caída de actividade económica”, concluíu.

As deputacións manteñen o seu 1% para plans propios de axudas

Aínda que a postura pechada da Xunta non permitiu crear un fondo común de rescate, as tres deputacións manteñen o seu compromiso de destinar o 1% comprometido dos seus orzamentos de 2021 a programas propios de axudas ou plans de reactivación económica nas tres provincias, que axuden a paliar os efectos sociais e económicos da pandemia entre os sectores máis afectados.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM