Os docentes da UVigo apúntanse en masa a diferentes cursos sobre docencia en liña

Puxéronse en marcha unha ducia de actividades formativas nas que se matricularon máis de 700 persoas

O persoal docente da Universidade de Vigo quere arrancar o próximo curso preparado para impartir as súas clases de xeito semipresencial ou, de darse o caso, totalmente virtual. Para acadalo está a participar de xeito masivo nos diferentes cursos organizados para eles pola Área de Formación e Innovación Educativa, desde onde se puxeron en marcha preto dunha ducia de actividades formativas nas que se matricularon máis de 700 persoas, todas elas docentes e investigadores da propia universidade.

“A planificación nesta etapa está enfocándose á docencia en liña e semipresencial porque é a necesidade primordial de cara o vindeiro curso académico”, explica Mª Ángeles Villar, técnica encargada da organización dos cursos, ao tempo que subliña que desde o inicio da crise sanitaria produciuse un forte incremento da demanda de formación. “Desde o principio detectamos que existen diferentes niveis nas competencias docentes, polo que a oferta inclúe cursos xerais de carácter masivo e outros máis especializados”,  recalcan desde a organización.

A oferta combina cursos masivos con outros máis especializados

Impartidos todos de xeito virtual, os cursos masivos teñen un nivel máis básico. Entre esta oferta atópase, por exemplo, o programa formativo Como deseñar a miña materia para a docencia semipresencial, que arrancou esta semana e no que se matricularon máis de 300 docentes, ou o Ciclo de conferencias de introdución á docencia en liña, con 329 persoas matriculadas. “Os cursos máis masivos poden atender a cuestións introdutorias que non requiren un nivel de titorización e avaliación  moi exhaustivo, pero a medida que os cursos se especializan e se enfocan á práctica fan necesaria unha dedicación horaria importante na titorización e avaliación”, recalca Villar.

Para o PDI que xa ten un nivel de formación máis avanzado, desde a Área de Formación e Innovación Educativa deseñaron formacións máis específicas e con prazas máis reducidas -25 por curso- para poder titorizar con máis detalle as prácticas. Este é o caso dos cursos Edición sinxela de vídeo e son para a publicación e difusión web, que ten tres edicións abertas; Deseño e creación de podcast educativosCreación, xestión e mantemento de páxinas web con WordPress no teu espazo web da @uvigoCreación e tratamento de imaxes e fotografíasCreación de infografías e deseños vectoriais ou Descubrindo Moodle.  “Ademais, tamén estamos ofrecendo formación no modelo de aprendizaxe Flipped-Learning xa que a súa filosofía adáptase perfectamente á docencia semipresencial ou blended-learning”, salienta a técnica, ao tempo que explica que o flipped-learning ou clase inversa fai que o alumnado traballe nos contidos antes de ir ás clases, o que posibilita que as clases presenciais se aproveiten para solucionar dúbidas, facer prácticas, resolver problemas, traballar en equipo… “Desta maneira aprovéitase a potencialidade das modalidades presenciais e non presenciais e trabállanse todas as competencias”, recalca Villar.

A docencia en liña ten as súas propias “regras”

Desde a organización dos cursos destacan que é fundamental que o PDI entenda que a modalidade virtual non consiste en trasladar o que se fai nas clases presenciais, senón que supón todo un proceso de reformulación, xa que a docencia en liña ten as súas propias “regras”. “Cómpre que a tecnoloxía estea integrada no proceso de ensino-aprendizaxe e que sexa coherente coas competencias e resultados que nas materias se traballan”, explica Villar, ao tempo que fai fincapé na importancia de entender que a profesión de profesor/a ao igual que outras profesións está composta dunha serie de competencias, que inclúen dende a propia planificación da materia ata a titorización, a avaliación ou a integración das competencias tecnolóxicas.

Impartidos por persoal propio e tamén de fóra

O cadro de persoal que se encarga de impartir os cursos é moi variado. Para o Ciclo de conferencias de introdución á docencia en liña, que se prolongará ata mediados de xuño, cóntase co catedrático de Didáctica e Organización Escolar (Tecnoloxía Educativa) na Universidad de la Laguna, Manuel Area, e para o curso de Metodoloxías activas: Flipped learning-aprendizaxe inversa I II, que arrancará o día 15 e se prolongará ata mediados de xullo, contarase con Raúl Santiago Campión, profesor da Área de Didáctica e Organización Escolar da Universidad de La Rioja e que a día de hoxe está considerado un dos grandes expertos nesta metodoloxía a nivel español.

O curso Como deseñar a miña materia para a docencia semipresencial levarase a cabo desde a propia Área de Formación e Innovación Educativa, encargándose da súa coordinación, Mª Ángeles Villar, experta en aprendizaxe electrónica e metodoloxías innovadoras, quen contará ademais co apoio de Luis Pena, responsable de produción de UVigo-TV. O resto de cursos serán desenvolvidos por PDI da propia Universidade cos que a área leva xa tempo colaborando e cuxos asistentes amosaron un elevado nivel de satisfacción, entre eles Xavier Martínez Rolán, especializado en comunicación dixital, e que se encargará  de varios destes cursos.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM