Últimos días de inscrición para vivir a experiencia do Marisqueo nas Rías Baixas coas rutas gratuítas da Deputación

O prazo de inscrición para esta actividade de turismo sustentable, na que coñecerán de primeira man o oficio do marisqueo a pé, rematará o próximo xoves

Esta próxima fin de semana terán lugar as dúas primeiras das catro novidosas rutas gratuítas para descubrir o “Marisqueo nas Rías Baixas” organizadas pola Deputación de Pontevedra. Para estas actividades, que terán lugar o sábado e o domingo en Carril (Vilagarcía de Arousa),  as inscricións están abertas ata o vindeiro xoves 12 de abril, tendo unha limitación de 25 prazas por ruta.

Ditas rutas están deseñadas para achegar a experiencia do marisqueo a pé á poboación da provincia, ofréndolles unha actividade na que poderán levar a cabo un obradoiro práctico de marisqueo nas augas da ría, co apoio das mariscadoras de AmarCarril, e na que recibirán formación sobre este oficio e a súa historia.

Tanto o sábado como o domingo, o punto de encontro para o inicio das rutas será o miradoiro Alto da Rosa (PO-548) 102 do Carril, en Vilagarcía de Arousa. As persoas que teñan confirmada a súa asistencia á actividade deberán traer unicamente calzado axeitado para a parte do obradoiro que se desenvolva na auga (o resto do material será facilitado pola organización).

Con esta experiencia búscase transmitir a historia do marisqueo galego ás novas xeracións e inculcar na sociedade un crecente respecto e consideración pola profesión, como garantía para concienciar sobre os problemas que afectan o marisqueo a pé en Galicia: a consideración social, a substitución xeracional, o furtivismo e a contaminación. Estas rutas “Marisqueo nas Rías Baixas” combinan a vertente turística coa ambiental, sensibilizando deste xeito á poboación local sobre a conservación e posta en valor dos nosos activos turísticos e das nosas rías como un recurso cun enorme potencial, que debe ser optimizado de xeito sustentable.

Tras este fin de semana, as dúas últimas citas terán lugar o sábado 28 e o domingo 29 de abril e para estas dúas rutas as inscricións abriranse luns 16 de abril.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM