Dúas exposicións para amantes dos animais

En Pontevedra exhíbense as sorprendentes imaxes do concurso European Wildlife Photographer of the Year, e en Tomiño pódese visitar a exposición “Amigo lobo” dedicada a Félix Rodríguez de la Fuente

Última semana para contemplar en Pontevedra as impresionantes fotografías de animais da exposición “Fotógrafos da Natureza 2016. European Wildlife Photographer of the Year“, aberta ao público ata o 20 de xaneiro. A mostra recolle unha selección de 84 instantáneas procedentes de 37 países, que foron seleccionadas entre as 20.000 fotografías presentadas ao concurso.

A fotografía gañadora desa edición é do noruegués Audun Rikardsen e mostra unha candorca emerxendo á superficie para respirar. Xunto a esta, exhíbense o resto das creacións clasificadas en 9 seccións: aves, mamíferos, outros animais, eloxio das plantas, paisaxes, o mundo submarino, o home e a natureza, forma e composición e novos fotógrafos.

As imaxes mostran a natureza en estado puro co obxectivo de concienciar ao público sobre a necesidade de preservar o medio natural e contribuír persoalmente á súa protección. A entrada é gratuíta.

Por outra banda, en Tomiño temos outra interesante exposición titulada “Amigo lobo. Lenda e realidade do lobo ibérico”, do biólogo e fotógrafo Carlos Sanz. A mostra, dedicada á memoria de Félix Rodríguez de la Fuente no 90 aniversario do seu nacemento, inclúe fotografías de gran formato e diversos paneis informativos sobre a bioloxía, a ecoloxía e a coexistencia do lobo ibérico co mundo rural; tamén hai maquetas de antigas trampas de pedra, esculturas, pinturas, escudos nobiliarios, pegadas reproducidas en cerámica, cranios e outros restos biolóxicos e paleontolóxicos do Canis lupus e doutros cánidos.

A exposición “Amigo lobo” está aberta ata o 12 de febreiro, na granxa escola Corazón de Carballo, que abriu recentemente as súas portas. A visita á mostra ofértase xunto cun xogo de rastrexo relacionado co lobo e un percorrido guiado pola granxa, que conta con cabras, ovellas, galiñas, coellos e un poni, entre outros animais. O prezo das entradas varía entre 7 € para as e os menores de 16 anos e 9 € para as persoas adultas.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM