Última semana para contemplar en Pontevedra as impresionantes fotografías de animais da exposición “Fotógrafos da Natureza 2016. European Wildlife Photographer of the Year“, aberta ao público ata o 20 de xaneiro. A mostra recolle unha selección de 84 instantáneas procedentes de 37 países, que foron seleccionadas entre as 20.000 fotografías presentadas ao concurso.
A fotografía gañadora desa edición é do noruegués Audun Rikardsen e mostra unha candorca emerxendo á superficie para respirar. Xunto a esta, exhíbense o resto das creacións clasificadas en 9 seccións: aves, mamíferos, outros animais, eloxio das plantas, paisaxes, o mundo submarino, o home e a natureza, forma e composición e novos fotógrafos.
As imaxes mostran a natureza en estado puro co obxectivo de concienciar ao público sobre a necesidade de preservar o medio natural e contribuír persoalmente á súa protección. A entrada é gratuíta.
Por outra banda, en Tomiño temos outra interesante exposición titulada “Amigo lobo. Lenda e realidade do lobo ibérico”, do biólogo e fotógrafo Carlos Sanz. A mostra, dedicada á memoria de Félix Rodríguez de la Fuente no 90 aniversario do seu nacemento, inclúe fotografías de gran formato e diversos paneis informativos sobre a bioloxía, a ecoloxía e a coexistencia do lobo ibérico co mundo rural; tamén hai maquetas de antigas trampas de pedra, esculturas, pinturas, escudos nobiliarios, pegadas reproducidas en cerámica, cranios e outros restos biolóxicos e paleontolóxicos do Canis lupus e doutros cánidos.
A exposición “Amigo lobo” está aberta ata o 12 de febreiro, na granxa escola Corazón de Carballo, que abriu recentemente as súas portas. A visita á mostra ofértase xunto cun xogo de rastrexo relacionado co lobo e un percorrido guiado pola granxa, que conta con cabras, ovellas, galiñas, coellos e un poni, entre outros animais. O prezo das entradas varía entre 7 € para as e os menores de 16 anos e 9 € para as persoas adultas.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.