A Universidade estrea o pavillón universitario como sede para a realización de exames

Ao longo de todo o mes examinaranse nestas instalacións preto de 1800 alumnos e alumnas
Publicado por o día 11/01/2021 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

A Universidade estrea o pavillón universitario como sede para a realización de exames

As estritas medidas de seguridade fronte á covid-19 fan necesario este ano incrementar os lugares dispoñibles para a realización de exames e, neste contexto, a Universidade de Vigo empregou este luns por primeira vez na súa historia as instalacións do pavillón de deportes do campus de Vigo para facer estas probas, unha medida que chega tras utilizarse con éxito este espazo o pasado verán nos exames da ABAU, Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade. Con esta medida búscase pór novos espazos á disposición dos centros e seguir incrementando as medidas de seguridade, evitando que a convocatoria oficial de exames do primeiro cuadrimestre, que arrancou hoxe, poida converterse nun foco de posibles contaxios.

Os exames no pavillón arrancaron ás 10.00 horas coa proba de Matemáticas por parte do alumnado de  primeiro curso do Grao en Administración e Dirección de Empresas, na que participaron máis de 200 alumnos e alumnas. As seguintes serán xa o mércores 13 ás 15.00 horas coa materia Dirección de Recursos Humanos, de segundo curso deste mesmo grao, nas que están previsto participen arredor de 280 estudantes. En total ao longo de todo o mes examinaranse nestas instalacións deportivas preto de 1800 alumnas e alumnos do Grao en Administración e Dirección de Empresas, se ben esta cifra é posible que se incremente si se producen novas solicitudes de uso por parte dos centros. Segundo explicaron desde a Vicerreitoría de Planificación e Sostibilidade, a finais de novembro informouse á dirección de todas as escolas e facultades que tiñan ao seu dispor a posibilidade de solicitar estas instalacións para a realización dos exames e, ata o de agora, soamente Ciencias Económicas e Empresariais solicitou o seu uso para levar a cabo un total de sete exames de primeiro e segundo curso de ADE.

 

Á espera de solicitudes para  realizar exames no edificio de Zona Franca na rúa López Mora

Os exames do primeiro cuadrimestre deben rematar antes da finalización do primeiro cuadrimestre, o vindeiro día 29. Nesta ocasión, ademais das instalacións do pavillón universitario aquelas escolas e facultades do campus de Vigo que por mor da covid precisen máis espazo poderán dispor tamén nas próximas semanas de entre 140 e 150 prazas no edificio da rúa López Mora que albergaba o centro de informática de Caixanova e que agora é propiedade de Zona Franca. Trátase, segundo explicaba o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, o pasado sábado nunha visita a este edificio de garantir a seguridade da comunidade universitaria durante a realización das probas, evitando que os exames “poidan ser un foco de contaxio”. Neste senso, a Universidade atópase agora á espera das solicitudes que para a realización de exames nestas instalacións fagan os centros.

Con respecto á posibilidade de realizar exames en liña, o reitor lembrou neste mesmo acto que a UVigo está preparada por si se produce unha situación sanitaria que esixa pasar os exames á modalidade telemática, tal e como se fixo o curso pasado, se ben, desde esta institución se considera que o ideal é a realización de probas presenciais, para o que resulta imprescindible contar con instalacións de gran tamaño tipo o propio pavillón de deportes ou os espazos do edificio de López Mora.

Comentar noticia

Your email address will not be published.