A praza de Montero Ríos acolle ata o vindeiro 29 de maio a carpa coa mostra didáctica ‘Gatiños, Ghatiñas, Gatíos. Xeitos de falarmos galego‘ coa que a Deputación de Pontevedra pretende achegar, a través do universo Bolechas, a riqueza do idioma galego a todas as comarcas da provincia. A exposición, que arranca en Pontevedra, foi inaugurada esta mañá coa presenza dos irmáns e irmás Bolechas, Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia e Tatá, que se achegaron ata a capital da provincia para darlle a benvida e saudar a todos os nenos e nenas que se congregaron na praza de Montero Ríos. Tamén estiveron presentes o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, a deputada delegada de Príncipe Felipe, Eva Vilaverde, o concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, o alcalde da localidade, Miguel Anxo Fernández Lores, e representantes da Editorial Bolanda, Antonio Couto, Teresa Rocamonde e Tomás Valín.
A riqueza do idioma e a necesidade de mantelo vivo e fomentar o seu uso desde idades temperás foi o fío condutor de todas as intervencións do acto oficial de apertura. Xosé Leal indicou que “son os nosos pais, nais, avós e avoas as que preservaron realmente o idioma e as que conseguiron que se manteña vivo ata hoxe en día con todas as súas especificidades”. O deputado de Cultura e Lingua asegurou que é necesario familiarizarse e aprender o galego que se fala en diferentes partes do país e parabenizou á cativada que asistiu ao acto de inauguración por ser “os primeiros, os que estreades esta exposición, que despois se desprazará polo resto das comarcas”. Pola súa banda, o alcalde asegurou que “a lingua é algo fundamental e característico das persoas humanas” e puxo de exemplo unha sentenza de Castelao na que afirmaba que “para idioma universal xa está o que falan os animais, as persoas temos a lingua que nos é propia, que é a nosa bagaxe cultural característica do lugar no que vivimos”. Miguel Anxo Fernández Lores aseguroulle aos rapaces e rapazas que “temos que defender a nosa lingua, e unha forma de defendela é xogando e falándoa con total normalidade”.
Antonio Couto explicou, en nome da Editorial Bolanda, que acometeron esta proposta expositiva “porque encaixa ao 100% co ADN dos Bolechas” e indicou que “moitos nenos teñen o seu primeiro contacto coa lingua galega a través dos Bolechas”. Antonio Couto asegurou que “ademais de todos os compoñentes divertidos, a mostra ten un marcado carácter didáctico e pedagóxico” e defendeu “a riqueza e a diversidade da nosa lingua como un patrimonio inmaterial”, ao tempo que parabenizou ao departamento provincial de Cultura e Lingua por crear esta proposta e achegala por toda a provincia.
A exposición, tras arrancar en Pontevedra, fará paradas en Lalín e en Vilagarcía no mes de xuño, e no outono continuará por Moaña, A Estrada, A Cañiza, Caldas, Tomiño, Ponteareas e Vigo. Pola mañás a mostra poderá visitarse en grupos organizados a través dos centros educativos –os centros educativos que desexen concertar visitas poden dirixirse ao enderezo electrónico [email protected] ou no teléfono 981 569 155-, e polas tardes abre para todo tipo de público. O horario de apertura é de 10 a 13:30 h e de 16 a 20 h, de luns a venres. Os sábados, domingos e festivos o horario é de 11 a 14 h e de 17 a 21 horas.
Estrutura
A mostra, ademais de todos os aspectos lúdicos e pedagóxicos que contempla, tamén coida especialmente os elementos relativos á inclusión e á accesibilidade, tanto física como sensorial. Neste sentido, inclúe ramplas de acceso ao recinto, así como elementos sonoros e sensoriais, en braille e pictogramas de fácil lectura – estes últimos especialmente indicados para a cativada con dificultades na aprendizaxe e mesmo con trastornos do espectro autista-.
O percorrido pola carpa estruturase en diferentes áreas consecutivas. A primeira sitúase xa na entrada coa ‘Porta das palabras’, onde os rapazas e rapaces xa comezan a formar parte do proxecto toda vez que deben decidir por que porta entran ao recinto, xa que cada unha ten un nome e unha singularidade particular. Séguenlle ‘A xanela‘ con paneis para xogar coas variedades dialectais do idioma; e o ‘Toque-toque’, unha zona táctil para interactuar a través de xogos e ir aceptando e superando retos. O eixo central é o ‘Faladoiro’, concibido como o gran teatro dos diálogos nun espazo deseñado como unha aula-auditorio con bancadas, escenario e pantallas para visualizar aventuras dos Bolechas e participar de viva voz no concurso que propoñen os audiovisuais. Continua coa sección ‘A mergullarse’, unha piscina de bólas concibida para navegar nun mar de palabras que deben atopar e encestar no caixón correspondente; coa sección ‘As nubes’, unha área inmersiva e multisensorial de luces, cores e son para estimular a aprendizaxe da linguaxe de xeito protagonista; ‘Cantareira’ a modo de gran karaoke para interpretar cancións nas diferentes variedades dialectais; ‘Afouteza’, unha zona touch e de experimentación con xogos táctiles de destreza, debuxo e pintura, tanto interactivos como tradicionais; e por último, “Chan”, o gran mapa da linguas concibido como un xogo xigante da oca no que o taboleiro é un gran mapa de Galicia coas diferentes variedades dialectais, e cos seus correspondentes obstáculos, retos, desafíos e penalizacións.
Ademais a mostra contempla materiais de apoio e complementarios, como son as unidades didácticas deseñadas ad hoc a modo de caderno de actividades, que complementan e serven de repaso de todo o visto e vivido no percorrido expositivo. Inclúe tamén un libro aventura protagonizado polos Bolechas sobre as variedades dialectais do galego.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.