Debuxos nacidos a carón dos versos

As ilustracións exhíbense na galería La Doce de Boiro
Publicado por o día 31/05/2018 na sección de Universidade de Vigo,Cultura

Debuxos nacidos a carón dos versos

Poemas de amor de toda la vida é o título do poemario póstumo do artista e escritor vasco Enrique Mochales que neste mes de maio vén de editar a galería de Boiro La Doce, cuxa estrea se viu acompañada pola exposición de preto de 30 dos debuxos que a artista e profesora da Facultade de Belas Artes Chelo Matesanz foi creando en torno a estes versos cos que finalmente se acabaron reunindo nunha publicación que viu a luz tres anos despois do falecemento do artista e escritor bilbaíno. “Esta exposición é un compromiso que tiña con el, unha pequena homenaxe”, recoñece a profesora do Departamento de Pintura dun proxecto que ambos foron desenvolvendo conxuntamente e que se viu interrompido polo falecemento de Mochales.

Un traballo que, como relata Matesanz, planificaron conxuntamente desde os seus inicios. “Falamos do tema principal, de como íamos enfocalo e nos puxemos mans á obra. Fómolo facendo pouco a pouco coa idea de que se presentara desta maneira, todo xunto, a publicación e a exposición dos debuxos”, relata Matesanz dun proxecto que quedou parado tralo pasamento aos 51 de Mochales Miján, escritor de libros como La improbable vida de Bernard LafourcadeLa fragilidad de la porcelana e Esclavo de luz, ademais de ter exercido tamén como columnista para xornais como El País. Proxecto que, catro anos despois de comezar a xestarse, vén de completarse coa edición por parte de La Doce dunha publicación que suma aos poemas de Mochales e ás ilustracións de Matesanz o prólogo do tamén profesor da Facultade de Belas Artes Juan Carlos Román.

Debuxos que conectan co seu imaxinario persoal

Poemas de amor de toda la vida foi o título escollido para unha publicación que, como sinala Matesanz, “describe un amor que non está supeditado a un tempo ou a unha moda, nin sequera a unha realidade, podería ser de onte ou de hoxe ou un amor eterno, idealizado ou ficticio”; publicación que escritor e artista foron construíndo de xeito paralelo. “Mochales enviábame o poema e eu empezaba a debuxar”, relata, coa intención de sintetizar en imaxes unha “idea do conxunto”, dunha serie de poemas, destaca, “atemporais”, que “non suceden nunha época ou tempo determinado” e nos que “hai moito humor, paradoxos, trabalinguas, desexo, soidade, vinganza…”.

Preto de 30 das ilustracións que a artista desenvolveu para esta iniciativa, co propósito de que “os debuxos tamén falaran por si sos”, integran nese senso a exposición que desde comezos de maio pode verse nesta galería boirense. “A miña intención era non supeditarme excesivamente as imaxes que cada poema en concreto me suxería, senón traballar máis ben sintetizando a idea do conxunto, da peculiaridade da súa escritura, non condicionar o traballo do lector ofrecéndolle a imaxe xa construída, senón intentar conectar co seu imaxinario persoal”, engade a artista.