Mosquera: “a compostaxe é un modelo imparable”

O vicepresidente provincial participou en A Coruña no ‘IV Seminario de intercambio de experiencias no ámbito da sustentabilidade’ para falar do Plan Revitaliza
Publicado por o día 13/11/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

Mosquera: “a compostaxe é un modelo imparable”

“A compostaxe é un modelo imparable”. Así o explicou hoxe o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, durante a súa participación como relator no ‘IV Seminario de intercambio de experiencias no ámbito da sustentabilidade’ celebrado hoxe en A Coruña baixo a organización organizado do Eixo Atlántico. Alí explicou como a través do Plan Revitaliza se xestiona e valoriza a materia orgánica en proximidade nos concellos, cualificando como “un éxito” os resultados, ao ter adheridos máis de dous tercios dos municipios da provincia, e ao seren estes os que mellor están preparados no Estado español para cumprir as esixencias europeas.

Ao seu entender,”a compostaxe é un futuro que xa é presente”, posto que todas as normativas europeas van na liña de reducir e tratar o lixo orgánico seguindo modelos de proximidade e economía circular. Lembrou que no 2020 será preciso preparar para reciclar e reutilizar o 50% do lixo –sendo a parte orgánica o 53%- e que no 2023 será obrigado compostar ou tratar mediante medios sustentables o 100% da fracción orgánica separada. “Nós dende a Deputación detectamos o problema que tiñan os concellos na súa xestión do lixo, estudamos as tendencias e proxectos que había implementados noutros países e propuxemos a alternativa da compostaxe en proximidade como solución adaptándoa ás nosas características”, lembrou

A día de hoxe, de feito, son 43  concellos da provincia veñen de instalar composteiros comunitarios que demostraron que a compostaxe é factible e supón unha alternativa máis económica e ecolóxica ao tratamento dos residuos urbanos centralizado e baseado únicamente na incineración.

Mosquera lembrou que nun primeiro momento púxose en marcha unha fase de sensibilización e de experiencias piloto que funcionou mellor do previsto con cero incidencias e unha moi ampla acollida da veciñanza. Agora, destacou, son varios os concellos que están nunha fase moi avanzada, prácticamente co modelo da compostaxe aplicado de maneira global e comprobando que hai beneficios económicos e tamén ambientais.

“O que era un problema, a eliminación dos residuos, pode converterse nunha oportunidade: xerar compost. A clave do Plan Revitaliza para que o sistema funcione é descentralizar o tratamento e, onde sexa posible a compostaxe no propio domicilio, repartir composteiros individuais; onde non se poida ir pola vía individual, apostar polos composteiros comunitarios”, destacou, para sinalar que deste xeito se reduce o custe de transporte e tratamento.

A maior parte dos concellos pontevedreses e galegos –reiterou- teñen servizos de recollida e tratamento de lixo deficitarios -en máis dun 50% con respecto ao que ingresan pola taxa do lixo- e hai obrigas da lexislación europea que marcan o 2020 como data límite para aumentar as cifras de residuos que se preparan para reciclar.

“Con esta situación, a nosa aposta por impulsar a compostaxe dentro do programa de goberno provincial foi todo un acerto. Detectouse unha necesidade e estase a poñer sobre a mesa unha solución para o país”, dixo, ao tempo que lembrou que o plan provincial está a recibir recoñecementos internacionais e sendo obxecto de estudo por parte de gobernos e investigadores de moi diferentes partes do mundo. Así, lembrou a publicación monográfica sobre o Revitaliza realizada pola axencia europea Zero Waste Europe, a viaxe de traballo da delegación chinesa que visitou hai dous meses Pontevedra, ou outros estudosos chegados de Italia, Brasil ou Illa Príncipe, entre outros.

No seminario do Eixo Atlántico participaron tamén o exreitor da Universidade de Vigo Salustiano Mato, o representante da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea Jorge Díaz del Castillo, ou a representante da Cãmara municipal de Guimarães Sofía Ferreira, entre outros.