Neste 2018 Pontevedra convertíase, da man da Vicerreitoría do campus e coa colaboración do Concello, na segunda cidade de Galicia en incorporarse á rede de DocsBarcelona del Mes, un ciclo de cinema documental que se desenvolve, con proxeccións mensuais, en máis de 90 salas de España e América Latina. Entre elas, o Teatro Principal que, tralo verán, retoma de novo a programación deste ciclo o vindeiro luns 17 coa proxección de Over de limit, un documental que relata “o durísimo ascenso ao éxito da ximnasta rusa Margarita Mamun”, campioa olímpica en Río 2016. A proxección, programada para as 20.30 horas, verase sucedida en outubro pola exhibición de Eugenio, documental dedicado a este humorista catalán falecido en 2001, mentres que en novembro proxectarase Of fathers and sons, un filme que o sirio Talal Derki centra na familia dun membro de Al-Qaeda e en decembro poderá verse Last days in Shibati, flime no que Hendrick Dusollier aborda a destrución dunha barriada histórica na cidade chinesa de Chongqing.
Estas catro proxeccións, todas elas con entrada libre ata completar aforo, súmanse deste xeito ás seis realizadas entre os meses de febreiro e xuño e que lograron reunir no Teatro Principal máis de 600 espectadores. “O 100% dos documentais son traballos premiados en diferentes países, que abordan sempre temas candentes e do máis variado”, salienta o director da Área de Dinamización Cultural, Educativa e de Integración do campus, Manuel Morquecho, dun ciclo que, sinala, “está a ter público de idades moi diferentes” e que sumado ao labor “doutros axentes da cidade contribúe a enriquecer a oferta cultural centrada no cinema de Pontevedra”.
Da dureza da ximnasia rítmica á vida familiar dun xihadista
Primeira película da cineasta Marta Prus, que formou parte durante sete anos do equipo polaco de ximnasia rítmica, Over de limit, o filme programado por esta rede para setembro céntrase no proceso de preparación de Mamun para as Olimpíadas de 2016, na que “deberá superar as barreiras físicas e mentais do sistema de adestramento ruso” así como unha traxedia familiar, salienta a produtora Parallel40, organizadora do ciclo, dun filme no que a “beleza corporal e estética das imaxes” combínase co “énfase na violencia mental á que están sometidas ás deportistas”.
Con proxeccións en versión orixinal subtituladas ao castelán, programadas para as 20.30 horas, este ciclo continúa o 22 de outubro con Eugenio. El humor verdadero sale de la desgracia, un filme no que o director, guionista e xornalista Jordi Rovira e o director de fotografía e produtor Xavier Baig amosan “un retrato do Eugenio más descoñecido”. O 26 de novembro, este ciclo centrará a súa sesión en Of father and sons, un documental do cineasta sirio residente en Berlín Talal Derki recoñecido co premio do xurado no Festival de Sundance. Tras dous anos coa familia dun membro de Al-Qaeda en Siria, Derki amosa neste documental como os fillos deste “son adestrados, desde moi pequenos, para converterse en soldados da xihad”. Por último, a programación para 2018 pecharase o 18 de decembro con Last days in Shibati, dirixido polo documentalista francés Hendrick Dusollier. Recoñecido recentemente co gran premio da competición francesa Prix Louis Marcorelles e no Festival Cinéma du Réel, o filme propón “unha reflexión sobre a cambiante China contemporánea que, pouco a pouco, vai deixando perder a súa historia e o seu legado” a través da historia dun home e un neno que deben abandonar o seu fogar na última barriada histórica da cidade de Chongqing, antes de que sexa destruída para construír un novo barrio.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.