Opinión por Xabier P. Igrexas | A batalla da auga

Na súa guerra particular, Caballero e Feixóo están a xogar co abatecemento de auga a 450 mil persoas
Publicado por o día 03/02/2018 na sección de Opinión,[Desde o barrio] por Xabier P. Igrexas

Opinión por Xabier P. Igrexas | A batalla da auga

Podería sorprender que unha cuestión de tanta relevancia como o abastecemento de auga potábel a unha urbe de 300 mil habitantes e a súa área (con outras 150 mil persoas), se convertese nun motivo máis na permanente refrega partidista, entre Concello e Xunta. Sorprendería de non ser porque iso mesmo xa sucedeu con tantos outros temas, tamén de grande importancia para a cidade. Desde a privatización e expatriación da caixa de aforros, pasando polo desenvolvemento aeroportuario até a candidatura das Illas Cíes para seren consideradas patrimonio da Humanidade. Caballero e Feixóo viven felizmente instalados nesa cuíta tan contumaz como estéril. Desta maneira, o alcalde logra envolver na bandeira dun localismo provinciano, arcaico e anano, a súa clamorosa falla de xestión e a total ausencia dun proxecto de cidade, para alén da instalación de bancos e outros ornamentos na vía pública. E a Xunta logra a escusa perfecta para seguir a fuxir das súas obrigas e responsabilidades coa maior cidade de Galiza.

É politicamente enfermizo que Caballero e Feixóo utilicen algo tan fundamental, como dispormos de auga ao abrir a billa, na súa guerra particular

Con todo, que algo tan cotiá como fundamental, como é dispormos de auga ao abrir a billa, se teña utilizado como unha batalla máis na guerra Caballero-Feixóo, atinxe xa un nivel enfermizo de quen concibe a política como un patio de recreo persoal e non en chave de servizo público.

Na batalla da auga, vimos como o rexedor que inauguraba cheo de orgullo tobogáns acuáticos en plena seca ou que continuou baldeando (con auga potábel!) as rúas da cidade cando xa existían claros síntomas do que estaba por vir, agora adopta o reclamo do trasvasamento no río Verdugo como nova bandeira de guerra. Un trasvasamento que de se realizar, non só suporía un gravísimo atentado ecolóxico para ese curso fluvial, senón que ademais non resolvería o problema, tal e como teñen sinalado de maneira reiterada diferentes expertos.

Un trasvasamento inútil e prexudicial

Os argumentos contra o trasvasamento son tan claros como ignorados por Caballero. En primeiro lugar, incumpriría a Directiva Marco da Auga, tal e como denunciou publicamente a voceira do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, xa que non protexe o dominio público hidráulico, non incrementa a dispoñibilidade do recurso, nin garante a súa protección a longo prazo. Segundo, o seu impacto ambiental sería notábel, como se recolle nun informe elaborado polo colectivo ecoloxista ‘A Rente do Chan’ no que se explica que “afectaría negativamente as economías que dependen da saúde do río e implica un aumento do consumo enerxético e das emisións de CO2, e a non reutilización do recurso”. No concreto, a redución de caudal que provocaría o trasvasamento, ameazaría o chamado “afloramento” –o proceso de desprazamento de augas superficiais desde o interior da ría e a súa substitución por augas profundas cargadas de nutrientes que proveñen da plataforma continental–, que é responsábel das condicións microbiolóxicas das augas de cría de moluscos, da dinámica sedimentaria e zoación dos bancos marisqueiros, das zonas de cría de especies como a solla ou choco, e das condicións da fauna acuática. Aliás, esta medida sería absolutamente ineficaz por causa das perdas na rede de canalización, que algunhas estimacións cifran en até dun 30%. Con ese nivel de fugas, o trasvasamento non compensaría nin a metade da auga que escorrega sen control.

Por outra parte, resulta tamén intolerábel ver como o Partido Popular utiliza, por boca do Delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López Chavez, o problema da auga de xeito absolutamente irresponsábel, poñendo en cuestión –sen datos– a potabilidade da mesma e creando de maneira deliberada alarma social. Delirante, ademais, se temos en conta que a responsabilidade última sobre a autorización de consumo de auga é precisamente da propia Xunta.

Alternativas desouvidas

Entretidos na súa lea particular, nin Feixóo nin Caballero prestan a máis mínima atención ás propostas e alternativas que se lles formulan para resolver, a serio, o problema da auga. O último exemplo viviuse recentemente no Parlamento de Galiza, durante o debate dunha proposición do deputado do BNG, Luís Bará, na que se reclamaba que a Xunta se implicase na mellora da rede de abastecemento da cidade e na, imprescindíbel e urxente, modernización da estación potabilizadora. O PP rexeitou a proposta cunha emenda que transfería a responsabilidade ao Concello. E o PSOE fixo exactamente o mesmo, atribuíndolla á Xunta e mais aos outros sete municipios que se abastecen de Eiras. Uns por outros e o problema sen atender.

Grafico
Evolución da cantidade de auga embalsada en Eiras, onde saleinta a seca de agosto a decembro de 2017

Para colmo do cinismo, PSOE e PP uniron, esta vez si, os seus votos para aprobar no último pleno municipal unha moción na que se exixía a posta en marcha do trasvasamento do Verdugo pola vía de urxencia, e ningunha outra medida máis. O da urxencia é de traca, toda vez o nivel do encoro de Eiras está no 81,82% da súa capacidade (datos oficiais do 29/01/18). Exactamente no mesmo nivel que nesa mesma altura do 2017 e lixeiramente inferior a hai dez anos (82,27%), malia a brutal seca vivida desde agosto até mediados de decembro do pasado ano.

Ningunha solución será efectiva de non se apostar nunha mudanza do modelo de xestión da auga que a garanta como ben PÚBLICO

No entanto, alternativas hai. Mais ningunha solución será efectiva de non se apostar nunha mudanza do modelo de xestión da auga que a garanta como ben PÚBLICO, tal e como vén reclamando o BNG. Desde o Bloque tense feito un reiterado esforzo de achegar propostas concretas que, fuxindo da polémica, procuren solucións. A pasada semana a fronte nacionalista puxo acima da mesa catro medidas claras: que o Concello de Vigo realice unha auditoría da rede de abastecemento da cidade, para corrixir as perdas de auga; que se poña en marcha un ‘Plan municipal de aforro e optimización do subministro de auga’; que se resolvan de maneira urxente as manifestas insuficiencias da estación potabilizadora, co compromiso da Xunta; e que se modifique o recibo da auga para estabelecer un sistema tarifario que cobre polo realmente consumido, que estimule o aforro e que diferencie mellor consumo doméstico e industrial. Especialmente importante é esta última cuestión, a do recibo, xa que sería un primeiro paso no camiño de superar un modelo de xestión de auga, privatizado e que só beneficia a unha grande empresa concesionaria [Aqualia].

A resposta de PSOE e PP, desde Concello e Xunta, a estas catro propostas concretas foi exactamente a mesma: ningunha. O ruído da súa artillería demagóxica tenos demasiado atordados para ouvir nada máis que o eco das súas soflamas. Entrementres, o problema da auga segue aí. Sen atender.