Reactívase a urbanización dos antigos terreos da grúa en Mollavao

A Comisión de Urbanismo tomou coñecemento dos novos promotores, logo da quebra da entidade que a promovía anteriormente
Publicado por o día 04/01/2021 na sección de Galicia,Pontevedra

Reactívase a urbanización dos antigos terreos da grúa en Mollavao

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías informou está mañá que a última Comisión de Urbanismo vén de ter coñecemento da reactivación do polígono urbanístico B-3-2 situado entre a rúa Rosalía de Castro, á altura de Fonte Santa, e o barrio de Campolongo (onde estaban os antigos terreos da grúa). Trátase dunha parcela de 28.676,73 m2 delimitada pola autoestrada AP-9, as traseiras dos edificios de Rosalía de Castro á altura de Fonte Santa, a rúa Carqueixa e as fincas que até agora integran outro polígono de desenvolvemento urbanístico (B-3-1) que remata na rúa Estrigueiras.

Anabel Gulías lembrou que o Plan parcial do sector aprobado en 2005 recolle que nesta área B-3 se desenvolverán dous polígonos por separado: o B-3-1 e o B-3-2, para a construción de 125 vivendas unifamiliares adosadas.

No relativo ao polígono B-3-2, acaba de ser nomeada unha nova presidencia e secretaría da Xunta de Compensación (integrada por propietarios dos terreos dese polígono) encargada de desenvolver urbanísticamente toda esta parcela. Este administrador é a entidade Aliseda SAU, logo de que a anterior promotora da urbanización quebrase. O polígono B-3-2 ten una superficie total de 28.676,73 m2 é dicir o 53,49% da superficie total da área B-3. Nesta parcela destínanse 13.059,60 m2 a solo residencial (a 64 vivendas unifamiliares), cunha edificabilidade de 11.470,45 m2.

A promotora deberá contemplar unha cesión 2.873,50 m2 de espazos libres-zonas verdes; 1.149,70 m2 para equipamentos; 11.516,85 m2 para viario e 102 prazas de estacionamento libre.

A portavoz do Goberno salientou que esta iniciativa privada está en liña cos proxectos que están previstos no barrio de Mollavao citando o convenio entre Deputación e Concello que vén de asinarse para a construción do novo vial, e o proxecto da reforma e mellora integral da rúa Rosalía de Castro e o tramo que conecta os barrios de Mollavao e Campolongo que, asegurou, será presentado en breve polo concelleiro de Obras. Neste sentido afirmou que “esperamos que o ano 2021 sexa o ano definitivo para que arranque Mollavao e sen dúbida vai ser o ano que marque un antes e un despois nas condicións de vida e na calidade urbana dos veciños e das veciñas”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.