51 segundos, 47 centésimas. Ese é o tempo que a alumna da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Antía García lograba recentemente na final dos 100 metros remolque de manequín con aletas da primeira proba da Copa de Europa de Salvamento e Socorrismo. Unha marca, que ademais da medalla de ouro, supuña para este deportista do Club Noja Playa Dorada non só mellorar o propio récord de España que batera nesa mesma competición, senón tamén, a falta dos trámites de convalidación por parte dos organismos federativos internacionais, a mellor marca europea e mundial en categoría absoluta feminina. “A verdade é que non o cría e aínda non o teño asimilado, foi unha experiencia moi bonita”, sinala García do fito que lograba a comezos de maio nesta competición internacional que reuniu en Madrid a máis de 300 deportistas de cinco países.
Nuha modalidade consistente en 50 metros de mergullo con aletas e outros 50 nadando á vez que se remolca un manequín de 80 quilos, García Silva logrou mellorar en 15 centésimas un rexistro que ninguén batera desde 2014 e en 36 centésimas a propia marca coa que, nas probas preliminares desta competición, batera xa o anterior récord de España (00:52;43), que finalmente mellorou en preto dun segundo. “Foi un día alucinante”, apunta esta deportista e alumna do grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, que recoñece este fito como unha motivación engadida á hora de “afrontar todos estes meses de adestramento para o Campionato do Mundo de Salvamento e Socorrismo, que se disputa en novembro en Australia”.
Un deporte cada vez máis coñecido
Formada no Club Acuático Umia, a deportista que este ano se incorporou ao Noja Playa Dorada cántabro precisamente coa vista posta na cita de Australia, “xa que a miña idea é afrontar tanto o mundial por clubs como o mundial por seleccións”, recoñece que nadar con aletas é o aspecto que máis lle gusta dunha deporte, o salvamento e socorrismo, que combina diferentes tipos de probas nas súas tempadas de inverno, en piscina, e verán, que se desenvolven en praias combinando competicións acuáticas e en terra. “A verdade é que un deporte que cada vez vaise coñecendo máis e realmente en España hai moita xente practicándoo”, sinala dunha disciplina que, por outra banda, ten o inconveniente de non ser olímpica e da que destaca tamén o nivel en categoría feminina, na que no último Campionato de Europa, celebrado en Bélxica o pasado mes de setembro, España rematou en terceiro lugar, grazas a éxitos como a medalla de prata que García lograba na modalidade na que vén de acadar a mellor marca estatal e mundial. Récord que suma ao de 50 metros de remolque de manequín sen aletas, no que tamén ten no seu poder a mellor marca estatal.
“Aínda que se parecen, natación e salvamento non son o mesmo, o salvamento implica máis potencia, explosividade e forza, porque as probas non son tan longas pero precisas forza para mover o manequín”, salienta esta deportista que a pasada semana representaba á Universidade de Vigo no Campionato de España Universitario de Natación, logrando a quinta praza tanto nos 50 como nos 100 metros libres.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.