Unha campaña institucional convida a unificar a sinatura científica para mellorar a visibilidade e o impacto da investigación

Nalgunhas bases de datos detectáronse 200 formas diferentes de referirse á Universidade de Vigo
Publicado por o día 10/12/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Unha campaña institucional convida a unificar a sinatura científica para mellorar a visibilidade e o impacto da investigación

O uso de formas diferentes no nome persoal ou no nome da institución na sinatura das publicacións ten consecuencias non desexadas no proceso de comunicación científica: erros na atribución de autorías, inadecuada recuperación da información, perda de visibilidade do traballo de investigación dos autores e autoras e da súa institución e dificultade para analizar as publicacións científicas empregando indicadores bibliométricos. De feito, a Área de Servizos Bibliométricos da Biblioteca Universitaria ten detectado que o nome da Universidade de Vigo e dos seus centros de investigación aparece nas bases de datos bibliográficas de moitas formas diferentes. Ana Martínez, responsable desta área apunta que, por exemplo, “en WOS e Scopus temos localizadas máis de 200 formas diferentes para referirse á Universidade de Vigo; isto débese a que no momento de publicar, os autores e autoras empregan formas diferentes para indicar a súa filiación institucional”. Doutra banda, os nomes persoais tamén aparecen nas bases de datos de formas diferentes, dependendo de se os autores e autoras empregan sempre a mesma sinatura cun apelido ou dous, co nome composto ou sinxelo, etc. e isto afecta á correcta indexación das publicacións científicas nas bases de datos, no cálculo de indicadores como o número total de citas, o índice h ou o impacto normalizado.

Para tratar de poñer unha solución e unificar criterios, a Biblioteca Universitaria e a Vicerreitoría de Investigación acaban de publicar un Protocolo de normalización da filiación institucional e do nome persoal nas publicacións do persoal vinculado á Universidade de Vigo que recolle unhas normas básicas para a redacción das sinaturas das publicacións científicas, tanto no que se refire ao nome persoal como ao institucional. O seu obxectivo é garantir unha correcta identificación das publicacións nas fontes de información.

Para dalo a coñecer entre a comunidade científica da UVigo hoxe xoves arranca unha campaña informativa composta de varios vídeos divulgativos protagonizados por técnicas da Biblioteca Universitaria e persoal investigador. Ademais, o vindeiro martes día 15 ás 13.00 h, desenvolverase un seminario web no que participarán Belén Rubio, vicerreitora de Investigación e Ana Martínez, responsable da Área de Servizos Bibliométricos da Biblioteca Universitaria.

Un dos principais problemas detectados, o nome da institución

A vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, explica que este protocolo é froito de dous anos de traballo conxunto cos servizos e os centros da Universidade e permitirá “facer as buscas bibliométricas e que aparezan todos os traballos que se asignan á Universidade de Vigo”. Lembra que un dos problemas detectados estaba no nome da propia institución, xa que “algunhas persoas o puñan en castelán, outras en inglés, outras en galego e ao final non se identificaba como o mesmo documento”. Tamén os nomes dos centros de investigación pertencentes á UVigo aparecían de diferentes formas polo que unificar os criterios en todos estes eidos “vainos axudar a facer as buscas bibliométricas e avaliar, dun xeito máis áxil, a produción científica”. Neste sentido, Ana Bernabeu, directora da Área de Investigación, recalca que “se trata de mellorar a visibilidade da produción científica da Universidade de Vigo, dos seus centros de investigación e de cada investigador individualmente”.

A vicerreitora tamén recomenda ás persoas que se atopan na etapa inicial da súa carreira investigadora, “que decidan se queren poñer un apelido, os dous apelidos cun guión, etc. pero que intenten poñer sempre a mesma sinatura nos seus traballos”. Para facilitar estes procesos, lembra Héctor Castro, responsable da Sección de Soporte á Aprendizaxe e á Investigación, a Biblioteca presta servizo de asesoramento e de formación sobre a normalización da súa firma e sobre os identificadores persoais como Orcid, ResearcherID, ScopusAuthorID. “Isto forma parte do papel activo que a Biblioteca quere desenvolver, proporcionando ao persoal investigador un conxunto de servizos específicos orientados a facilitarlles determinadas tarefas da súa carreira investigadora”.

As vantaxes para o persoal investigador e para a institución

Entre as vantaxes que este protocolo ofrece ao persoal investigador, está o feito de que permite indexar correctamente as publicacións nas fontes de información; distinguir as publicacións das doutras persoas con nome similar; recuperar todas as publicacións na busca por autoría nas fontes de información; obter con máis facilidade as citas e outros indicadores bibliométricos e aumentar a visibilidade e o impacto das publicacións.

Dende o punto de vista institucional tamén supón vantaxes, xa que permite evitar que se omitan publicacións da Universidade e dos seus centros de investigación nas fontes de información; analizar con maior facilidade e rigor a produción científica da Universidade e aumentar a visibilidade e o impacto das publicacións da institución e dos seus centros de investigación.

Comentar noticia

Your email address will not be published.