140 persoas fórmanse para ser espectadores activos nos concertos de música clásica

O obxectivo é que teñan os coñecementos necesarios para poder gozar das actuacións
Publicado por o día 17/01/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

140 persoas fórmanse para ser espectadores activos nos concertos de música clásica

A música clásica é, posiblemente, o xénero musical ao que o público se achega con máis medo. Ao tratarse dun rexistro culto, son moitas as persoas que amosan certa reticencia a asistir a un concerto deste tipo de orquestras, pola complexidade das pezas e tamén pola súa falta de formación musical. Para rachar con estas barreiras, a Orquestra Vigo 430, en colaboración coa Universidade de Vigo, puxo en marchar o ciclo escoitANTES, unha proposta que comprende clases activas para formar ao público de xeito que poida gozar plenamente dos concertos. Ademais, o programa inclúe tamén a posibilidade de asistir durante os vindeiros meses aos ensaios da orquestra, a modo de complemento das clases teórico-prácticas.

O obxectivo, explican dende a orquestra, “é formar ao público para os concertos de música clásica que oferta a Orquestra Vigo 430 a través de aulas activas que permitan aprender a gozar da música clásica e perderlle o medo a este estilo”. Para iso, as e os participantes adquiren unha aproximación histórica, analítica e contextual que os prepara para unha participación activa”. En total, nas catro sesións das clases activas que tiveron lugar este mes participaron 140 persoas, como explica Ana Novoa, xerente da orquestra, que cualifica esta acollida como “un éxito”. Entre as e os participantes, estudantes da UVigo e tamén alumnado do programa Erasmus, así como outros membros da comunidade universitaria, con especial presenza do Programa de Maiores. En xeral, tanto o alumnado como os responsables da orquestra e o docente que impartiu as clases, Cándido Cabaleiro, profesor superior de piano e mestre de Educación Musical, consideran que a experiencia foi “moi satisfactoria”.

Neste proxecto pode participar calquera persoa maior de 18 anos sen necesidade de ter coñecementos musicais previos. O obxectivo é paliar a tradicional falta de formación musical básica, que acabou provocando un distanciamento da cidadanía respecto de certo tipo de música que semella tan só ao alcance de expertos capacitados para gozar dela e comprendela.

Ensaios abertos

Esta edición de escoitANTES arrancou con catro sesións de clases, as que as e os participantes aprenderon a saber escoitar, a recoñecer melodías, diferenciar tipos de composicións, coñecer a historia das obras e dos autores, diferenciar a orixe das pezas (folclórica, popular ou culta), a temática (sacra ou profana) ou se se trata dunha peza dramática ou non.

Nos vindeiros meses o programa continuará cos ensaios abertos, que se desenvolven no auditorio Martin Codax do Conservatorio Superior de Música de Vigo da man de Myriam Cortizo, xefa de produción. Trátase de que os participantes do ciclo escoitANTES poidan participar nos ensaios nos que a orquestra prepara os próximos concertos. Tras unha primeiras sesións en decembro, a seguinte cita será o 24 de xaneiro co Concerto para oboe de Macello. Tras este, os seguintes ensaios serán o 14 de febreiro coa preparación do Concerto para violín de Beethoven; o 20 de marzo, con A paixón segundo San Xoán de Bach; o 24 de abril Octeto de Mendelsohn e a derradeira sesión o 28 de maio con Harold en Italia de Berlioz. Todos estes ensaios teñen lugar de 22.30 h a 00.30 h.

Programa completo do ciclo