A acción de María Move trae ao Instituto mosense a iniciativa concienciadora #ViolenciaZero

Este programa propón a experiencia artística como ferramenta de cambio cara unha sociedade máis igualitaria e menos violenta
Publicado por o día 15/01/2019 na sección de Galicia,Mos

A acción de María Move trae ao Instituto mosense a iniciativa concienciadora #ViolenciaZero

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro de Educación mosense, Camilo Augusto, e a deputada de Igualdade da Deputación de Pontevedra, Isaura Abelairas, acompañaron esta mañá ao alumnado do IES de Mos no salón de actos do centro educativo durante unha acción incluída dentro da iniciativa provincial MULLERES EN ACCIÓN #ViolenciaZero. Tamén estivo presente a avogada do CIM, -Centro de Información á Muller-, do Concello de Mos, Ana María Rodríguez Cabaleiro.

Este programa propón a experiencia artística como ferramenta de cambio cara unha sociedade máis igualitaria e menos violenta, sen roles nin discriminación de xénero e sen agresividade contra as mulleres.

A artista encargada da posta en escea do acto celebrado esta mañá en Mos, María Move, é unha licenciada en Belas Artes pola UCM e grao medio de Piano no Conservatorio Profesional de Música de Valladolid. Actualmente traballa como docente de Acción Formativa en centros como a Universidade de Ciencias da Educación de Pontevedra e o CGAC (Santiago de Compostela) en áreas relacionadas coa música e as artes pásticas.

A performance hoxe realizada por María Move no Instituto mosense consistiu nunha acción sonora e física composta por música en directo e coreografía de danza. A voz en directo de María Move fala, canta e expresa, introducindo a linguaxe xestual do corpo, a interpretación dunha “partitura-mapa” de movemento adaptada ao espazo escollido. A peza, titulada In Mapa Son, medra involucrando voz e danza simultáneamente, viaxando desde a periferia ao interior, desde o corpo que camiña ao corpo que danza e fala, brindándolle vibración á voz que se alza, desde a distancia á intimidade. Na peza colaboraron 4 alumnas do IES que se atopaban entre o público, facendo unha lectura de textos simultáneamente co desenvolvemento da acción de María Move.

Mos pola igualdade e contra a violencia

O municipio de Mos súmase a MULLERES EN ACCIÓN #ViolenciaZero, como xa fixo en anteriores edicións deste programa provincial, co que aumenta o número de iniciativas locais para o fomento da igualdade e a erradicación da violencia de xénero. Así, o de Mos foi o primeiro Concello da Provincia de Pontevedra que aprobou en Pleno, e ademais por unanimidade dos membros da Corporación, a inclusión na Guía de Linguaxe non Sexista da Deputación de Pontevedra (proposta que se levou á sesión plenaria ordinaria do mes de novembro de 2017); conta dende o verán dese mesmo ano co seu propio CIM (Centro de Información á Muller); e creou e apoia ao Grupo de Teatro Mulleres en Igualdade de Mos ‘As Ghaliñas de Mos’; entre outras moitas accións municipais.

Pola súa banda o programa MULLERES EN ACCIÓN da Deputación ten a premisa de transformar o traballo das mulleres artistas participantes nun grito de denuncia. Ao tempo que se apoia e se visibiliza ás creadoras contemporáneas, ponse o foco sobre a tremenda lacra da violencia machista que azouta cada día á nosa sociedade. O obxectivo é que as palabras que conforman o título do programa se transformen algún día en realidade e celebremos a igualdade nun mundo que será un lugar máis xusto e mellor, libre de violencias.

Fotografías do acto