A alpinista Verónica Romero será este venres protagonista da conferencia da Deputación de Pontevedra “O espazo natural como ámbito de vida”

Esta actividade, que terá lugar ás 19.30 horas na Casa Galega da Cultura de Vigo, enmárcase na axenda propia da Deputación con motivo da Semana Global de Acción polo Clima
Publicado por o día 24/09/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

A alpinista Verónica Romero será este venres protagonista da conferencia da Deputación de Pontevedra “O espazo natural como ámbito de vida”

A Deputación de Pontevedra organiza para este venres, 27 de setembro ás 19.30 horas na Casa Galega da Cultura de Vigo, unha conferencia da alpinista e atleta Verónica Romero, que servirá tamén como peche dos actos impulsados pola institución provincial con motivo da Semana Global de Acción polo clima. O título da charla, na que a natureza e a sustentabilidade terán un papel central, será “O espazo natural como ámbito de vida”.

Verónica Romero, nada en Mos, conta cunha ampla traxectoria deportiva, a cal continúa desenvolvemento na actualidade. Participou xunto á viguesa Chus Lago en tres expedicións que formaron parte do proxecto “Compromiso con la Tierra”, que buscaba visibilizar, mediante desafíos deportivos de alto nivel, a delicada situación na que se atopan as rexións polares como consecuencia do aumento das temperaturas globais. As tres expedicións serviron para percorrer Laponia en 2016, o casquete polar de Barnes, en Canadá, en 2017 e o lago Baikal en 2019.

Con motivo da Semana Global de Acción polo Clima mañá, en horario de atención ao público, a sede de Vigo da Deputación de Pontevedra acollerá un reparto masivo de mazás ecolóxicas, como compromiso do goberno de Carmela Silva co produto de proximidade e respectuoso coa contorna natural.

Durante esta semana, a Deputación de Pontevedra, amais de sumarse á mobilización xeral, está a desenvolver unha axenda propia con accións que teñen que ver coa sustentabilidade co fin de poñer de manifesto a necesidade urxente de frear a crise climática. Esta axenda, que se está a desenvolver desde o pasado 20 de setembro, ten como lema “A provincia que queres é sostible”. Así, a protección dos ecosistemas, os transportes alternativos, a economía baixa en carbono e o aforro enerxético, o consumo responsable, o quilómetro cero, a calidade do aire e o turismo sustentable, son algúns dos eixos que forman parte dos actos que se están levando a cabo  e rematarán o venres 27, data na que se celebrará a mobilización mundial baixo o lema da emerxencia climática.