A Amtega dá a coñecer aos gañadores dos concursos de debuxos e microrelatos da Estratexia Dixital de Galicia 2030, nos que participaron máis de 300 rapaces

Tras o período de votación en Facebook das dez obras preseleccionadas polo xurado, resultaron gañadoras as seis que máis gústame obtiveron na rede social
Publicado por o día 04/03/2020 na sección de Xunta de Galicia

A Amtega dá a coñecer aos gañadores dos concursos de debuxos e microrelatos da Estratexia Dixital de Galicia 2030, nos que participaron máis de 300 rapaces

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de publicar os gañadores dos concursos de debuxo e microrrelatos lanzados o pasado mes de decembro para contar coas achegas dos máis novos no proceso de elaboración da Estratexia Dixital de Galicia 2030.

Estes certames congregaron a participación de 42 centros educativos das catro provincias galegas e contouse coa implicación de máis de 50 docentes que desenvolveron un papel fundamental para a participación do seu alumnado, entregando 333 traballos (213 debuxos e 120 microrrelatos).

Na fase de votacións os internautas podía darlle o seu “gústame” ás composicións preseleccionadas polo xurado e publicadas nos albumes “Concurso de debuxo Captura a sociedade dixital!” e “Concurso de microrrelatos “Viaxe ao 2030”, que recibiron un total de 1633 e 1054 votacións, respectivamente.

Como resultado dos oito días de votacións, que remataron o día 21 de febreiro ás 23:59, resultaron gañadores os 3 debuxos e os 3 microrrelatos que máis “gústame” obtiveron tal e como se pode acreditar no seguinte vídeo: https://youtu.be/mc9znEhxV-U. Cada un dos gañadores (1º, 2º e 3º premio) recibirá unha tablet nun acto, que terá lugar a finais do mes de marzo.

Concurso de debuxo “Captura a sociedade Dixital!”

Neste certame resultaron gañadoras tres composicións que representan as necesidades, novos hábitos e solucións que as novas tendencias dixitais poden proporcionar a nosa sociedade.

“O robot do monte”, de Iago Álvarez do CEIP As Nogais, mostra o pensamento do autor sobre o futuro próximo ligado a como a robótica pode axudar a defender os montes galegos e preservalos.

“A cura contra o cancro” de Noa Digón do CEIP San Xoán, describe o desexo de que aquí a 10 anos exista unha máquina que cure completamente esta enfermidade.
“Galicia en Marte” de Naiara Veiga do CEIP As Nogais, reflicte o viaxe dun robot no seu foguete Nagala10, que plantará a bandeira de Galicia en Marte.

Concurso de microrrelatos “Viaxe ao 2030”

No concurso de microrrelatos o alumnado puxo a proba o seu enxeño para describir o futuro e como a transformación dixital impactará nas nosas vidas. As obras gañadoras mostran como os avances tecnolóxicos e o uso das TIC poden mellorar o noso día a día.

“Bo día Uxía” de Antía Otero do IES Antonio Fraguas Fraguas, describe como unha rapaza interactúa cun obxecto inanimado que lle fai a vida máis sinxela, indicándolle o clima en tempo real, preparándolle a comida ou reservando unha viaxe de forma inmediata.

“Corazón Robot” de Iria Araújo do CPR Sagrado Corazón Celanova, mostra como unha muller cun transplante experimenta unha mestura de medo e alegría por poder continuar a súa vida gracias ao seu novo corazón de metal.

“Tan lonxe, tan preto” de Breixo Antelo do IES Campo de San Alberto, trata sobre un enxeñeiro que describe as vantaxes dos avances tecnolóxicos para a sociedade no ano 2030 como a diminución da contaminación ou a mellora no sistema sanitario, por exemplo.

Participación na elaboración da EDG2030

Ambos concursos forman parte do proceso de elaboración da Estratexia Dixital de Galicia 2030 que arrincou no mes de xullo coa celebración do I Foro de debate profesional, no que participaron arredor de 200 axentes sociais e económicos da Comunidade, implicados en procesos de transformación dixital en distintos ámbitos de actuación.

Ademais, nos últimos meses implicouse tamén a través de distintas actividades a representantes das EELL, do sector TIC de empresas tractoras ou o Comité de expertos académicos da EDG2030.

Comentar noticia

Your email address will not be published.