A Amtega organiza o 10 de abril no CDTIC o segundo encontro sobre a solución de almacenamento masivo de datos ‘CEPH’

Esta plataforma de código aberto ofrece ás empresas unha alternativa ás solucións de almacenamento privativas e baseadas en hardware
Publicado por o día 06/04/2019 na sección de Internet,Xunta de Galicia

A Amtega organiza o 10 de abril no CDTIC o segundo encontro sobre a solución de almacenamento masivo de datos ‘CEPH’

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organizar o vindeiro día 10 de abril o segundo encontro sobe Ceph tralo éxito da primeira xornada celebrada o pasado ano, na que asistentes e poñentes amosaron a súa satisfacción e interese en repetir.

A xornada leva por título “II encontro sobre Ceph, unha solución aberta para a xestión masiva de datos no teu CPD” e celebrarase nas instalacións do Centro Demostrador TIC en Santiago de Compostela de 9.15 a 14.30 horas.

Ao longo da xornada presentarase a plataforma de código aberto Ceph, un sistema de almacenamento programable, distribuído e altamente escalable, que ofrece ás empresas unha alternativa ás solucións de almacenamento privativas e baseadas en hardware.

No programa da actividade inclúense os diferentes perfís e roles do seu ecosistema, co obxectivo de permitirlle ao público asistente aproximarse á plataforma Ceph desde diferentes ángulos e perspectivas coa intención non só de dala a coñecer a nivel teórico, senón tamén de achegar as necesidades para adoptala de forma práctica na organización.
A xornada conta coa inestimable colaboración das empresas Red Hat, SUPERMICRO, Colabora Ingenieros, Mellanox Technologies, Dinahosting, Aitire e Igalia.

Esta actividade está dirixida a analistas, arquitectos TIC, administradores de sistemas/almacenamento, CIO e, en xeral, ao sector TIC con necesidades de deseño, aprovisionamento software/hardware, implementación, despregamento e desenvolvemento de servizos de almacenamento distribuído e escalable.

A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse para asistir, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas. Para participar na xornada cómpre inscribirse na web do CDTIC ou a través da súa aplicación dispoñible para plataformas Android e iOS. As persoas de fóra da comunidade galega que queiran asistir a estas xornadas poden facelo igualmente poñéndose directamente en contacto co CDTIC ou coa Oficina de Software Libre da amtega (software.libre@xunta.gal).

Centro Demostrador TIC

O CDTIC, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. Así, a través de distintos servizos e actividades, o CDTIC amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.

Plan de Software Libre da Xunta

Esta xornada enmárcase no Plan de Acción de Software Libre da Xunta de Galicia, dentro das liñas de actuación dirixidas ao sector empresarial para mellorar o coñecemento de solucións de software libre entre as empresas galegas así como o achegar experiencias e casos de uso concretos, medidas demandadas polo empresariado galego, segundo se reflicte nos estudos anuais do uso de software libre elaborados polo OSIMGA.