A antropóloga Guadalupe Jiménez-Esquinas será a encargada de abrir o ciclo de charlas divulgativas titulado “Conversas na Costa dos Castros”, no que presentará o seu libro “As outras caras do patrimonio. Reflexións sobre o patrimonio en Oia”. A cita será o próximo sábado 23 de marzo na Casa Cultural de Mougás.
A publicación recolle os resultados do traballo de campo desenvolvido durante 2015 e 2016 en Oia, no marco dunha colaboración entre o Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC e o proxecto de arqueoloxía en comunidade de Costa dos Castros.
Así, plásmase o sentir dunha mostra da veciñanza, á que se lle pediu a súa opinión sobre que é o máis valioso de Oia, a súa visión persoal sobre o patrimonio, que elementos (tanto tanxibles como intanxibles) lles gustaría que se conservasen e que cousas cren que non se deberían perder.
O obxectivo desta publicación consiste en promover a reflexión sobre o significado do concepto “patrimonio” e, ao mesmo tempo, “poñer cara, corpo e palabra a esas persoas, tanto maiores coma novas e crianzas, que valoran o seu patrimonio, cóidano, mantéñeno, protagonízano, víveno e rememórano”, segundo afirma a propia autora no libro.
A autora
Guadalupe Jiménez-Esquinas (Córdoba, 1984) é antropóloga, doutora internacional pola Universidade do País Vasco (2018), mestrado en Estudos de Xénero (2010, CSIC-UIMP ), licenciada en Antropoloxía (UCM, 2009) e diplomada en Enfermería (UCO, 2005). Realizou a súa tese doutoral cunha bolsa Jae-Predoc no Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC e ten traballado como investigadora en antropoloxía vinculada ao proxecto internacional NEARCH (New Scenarios for a Community-Involved Archaeology, programa Culture da U.E.).
Na actualidade é profesora axudante doutora na Universidade de Santiago de Compostela (USC). O seu traballo enmárcase nos estudos críticos do patrimonio e céntrase especialmente na análise feminista dos procesos de patrimonialización e transformacións na paisaxe, a poboación, a economía e as artesanías. Xunto ao seu grupo de investigación tamén está a desenvolver estudos sobre a participación social na xestión do patrimonio cultural. En 2017 recibiu o premio da USC á introdución da perspectiva de xénero na investigación. Ten publicado capítulos de libro e artigos en revistas como PH, Anthropology Today, Tourist Studies e Journal of Sustainable Tourism.
A publicación “As outras caras do patrimonio. Reflexións sobre o patrimonio en Oia” está dispoñible para descarga na seguinte ligazón: https://digital.csic.es/handle/10261/169237
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.