A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue e o Colexio Maristas El Pilar de Vigo colaboran para sensibilizar á poboación no acto de doazón de sangue

Publicado por o día 06/05/2019 na sección de Galicia,Vigo

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue e o Colexio Maristas El Pilar de Vigo colaboran para sensibilizar á poboación no acto de doazón de sangue

Alumnos e alumnas do curso de 3º A de Educación Secundaria Obrigatoria do Colexio Maristas El Pilar de Vigo, organizaron hoxe, en colaboración con Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), organismo dependente da Consellería de Sanidade, unha campaña especial de doazón de sangue, como proxecto que están a levar a cabo na materia de Bioloxía. Así, a unidade móbil de ADOS permanecerá estacionada diante do centro, na rúa Venezuela da cidade olívica, en xornada de mañá e tarde, de 9 a 14,30 horas e de 15,30 a 21, para atender a todas as persoas que se acerquen a doar sangue.

Os rapaces xestionaron todos o detalles da campaña organizados en comités de traballo, elaboraron un blog especialmente para a ocasión e deseñaron toda a cartelería.

A Axencia de Doazón de Sangue e Órganos desenvolve campañas de sensibilización e información destinadas a promover os distintos xeitos de doazón, polo que convida aos cidadáns e ás empresas, institucións e colectivos procedentes de todos os ámbitos da sociedade galega a desenvolver iniciativas destinadas ao fomento dunha conciencia solidaria proclive á doazón de sangue.

ADOS, pon a disposición da cidadanía a súa web; o enderezo de correo electrónico, [email protected]; o teléfono de información gratuíto, 900 100 828; e as súas páxinas nas redes sociais, como xeito de comunicarse con este organismo ou resolver calquera dúbida relacionada coa doazón.

ADOS lembra que todos os días do ano precísanse entre 400 e 500 doazóns de sangue para cubrir axeitadamente as necesidades de compoñentes sanguíneos dos nosos centros sanitarios, e que Galicia é unha das comunidades autónomas con maior dificultade para acadar un bo número de doazóns de sangue debido a factores sociodemográficos como o espallamento poboacional así como o seu envellecemento, circunstancias que dificultan, enormemente, o desenvolvemento de campañas de captación de novos doadores e doadoras de sangue.

Desde a dirección da Axencia, apélase á probada solidariedade da cidadanía galega para superar estes obstáculos e incentivar á súa participación nas campañas de doazón de sangue, un xesto vital para que miles de pacientes poidan recibir a transfusión dos compoñentes sanguíneos que se obteñen da doazón.