A Biblioteca da Escola municipal de artes e oficios acolle a presentación do libro Fábula das aves, de Manuel Forcadela

Publicado por o día 21/01/2020 na sección de Cultura,Eventos,Galicia,Vigo

A Biblioteca da Escola municipal de artes e oficios acolle a presentación do libro Fábula das aves, de Manuel Forcadela
O Ateneo Atlántico de Vigo ten o pracer de invitalos á presentación do novo libro de poemas de Manuel Forcadela, da editorial Laiovento. O acto terá lugar o vindeiro xoves 23 de xaneiro, ás 19.30 horas, na biblioteca da Escola municipal de artes e oficios. Ademais do autor, contaremos coa presenza de Rexina Vega e de Pepe Cáccamo, que serán presentados por Laura Caveiro. O acto terá o formato dunha conversa amigábel entre os tres invitados que se completará cun pequeno vídeo no que Forcadela recita algúns dos seus poemas.
Sobre Fábula das aves temos lido en prensa:
XOSÉ Mª ÁLVAREZ CÁCCAMO: “A vida,“esa mestura / da forza da vontade / e do poder do azar” constitúe a materia central da Fábula das aves, cuxo magnífico voo discursivo se resolve ás veces en formato de sátira. Así nos momentos en que o autor escolle a voz desmitificadora da poesía de mocidade, a dos autores de “poemas por sempre inesquecibles / que xa ninguén recorda”. Manuel Forcadela, sabio en artes de paixón escéptica, é consciente, porén, do permanente efecto transformador do poema, cuxo sentido simbólico “non substitúe o real senón que o incrementa”, tal como se verifica na lectura da Fábula das aves, alta música de pensamento e linguaxe.”

ROMÁN RAÑA, en FARO DA CULTURA, 19.12.2019: “Manuel Forcadela (Tomiño, 1958) proponnos, en Fábula das aves, entrar na melancolía. Un non-lugar de encontros e de fugas, de éxtases e olvidos, de delirio e rigor. Mais, tamén, de lembranzas recónditas (que lembranza non o é?) onde non resulta difícil atopar a desobediencia da angustia.”

RAMÓN ROZAS en https://www.galiciae : “A poesía de Manuel Forcadela é poesía de alta intensidade, as súas palabras teñen ese peso que a palabra ten que manter como xeito de explicar e de nomear o que lle interesa ao ser humano, aquilo que paga a pena ter ao noso carón como xeito de facer iso tan complexo que é explicarnos.”