A campaña ‘Nós contra a violencia’ leva a Ribeira o espectáculo infantil ‘Mai Mai’

O secretario xeral de Política Lingüística e o alcalde presentaron hoxe en rolda de prensa a nova proposta promovida pola Xunta de Galicia en concellos da Rede de Dinamización Lingüística
Publicado por o día 12/09/2019 na sección de Cultura,Xunta de Galicia

A campaña ‘Nós contra a violencia’ leva a Ribeira o espectáculo infantil ‘Mai Mai’

Nós contra a violencia, a campaña posta en marcha este verán pola Xunta de Galicia, a través das secretarías xerais de Política Lingüística e da Igualdade, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, cos obxectivos de dinamizar a lingua galega e sensibilizar contra este tipo de violencia, leva a Ribeira este sábado, 14 de setembro, a nova proposta Mai Mai, da man de Baobab Teatro baixo xestión de Culturactiva.

Así o anunciaron hoxe o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o alcalde da localidade barbanzá, Manuel Ruiz, nunha rolda de prensa na que o representante da Consellería de Cultura e Turismo quixo destacar “que Mai Mai integra a perspectiva de xénero e que introduce elementos para a reflexión e para o traballo en prevención da violencia, para alén de ofrecer unha alta calidade escénica e de traballo actoral” e convidar “tanto ás familias de Ribeira e do Barbanza coma ás do resto de Galicia a participaren nas funcións da xira que está a desenvolver Baobab Teatro polas catro provincias, da man do programa Nós contra a violencia”.

Acompañáronos na rolda de prensa a actriz Andrea Bayer, responsable de Baobab Teatro e protagonista do espectáculo, e a segunda tenente de alcalde, Ana Isabel Ruiz Reiriz.

‘Mai Mai’, en oito concellos da Rede de Dinamización Lingüística

Mai Mai é un espectáculo de Baobab Teatro dirixido a nenos de máis de 5 anos e ás súas familias. Nel, coa delicadeza e tenrura que caracterizan as producións desta compañía teatral, trátanse temas como a igualdade, o apoderamento da muller e a prevención da violencia de xénero, alén doutros como a concienciación ecolóxica.

No marco da campaña Nós contra a violencia, Mai Mai chegará este outono a oito concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL): Cedeira, Lalín, Ribeira, A Rúa, Ponteareas, Arteixo, Ribadavia e Muros.

Esta fin de semana, a proposta chega ao concello coruñés de Ribeira (cunha función o sábado 14, ás 19,30 horas, no Auditorio Municipal) e ao ourensán da Rúa (con outra función o domingo 15, ás 18,00 horas no Centro Cultural Avenida). A entrada á actividade é libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

Toda a información e calendario completo poden consultarse no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal e na Axenda de Cultura de Galicia.

Dinamizar a lingua e sensibilizar contra a violencia

Ademais da actividade Mai Mai, o programa Nós contra a violencia ofrece numerosas propostas escénicas e materiais para traballar en dinamización lingüística e sensibilizar conta a violencia de xénero. Entre elas, inclúese tamén o espectáculo O rueiro das liortas, da compañía do Elefante Elegante, unha proposta que afonda no papel das mulleres nas relacións de parella e que botará a andar en concellos da RDL no mes de novembro.

Dentro das propostas musicais, a campaña ofrece o espectáculo A Roda da igualdade: ela e eles, así como obradoiros para pais e nais no marco do proxecto Igual-Son, con música, danza e contacontos, guías educativas sobre prevención da violencia de xénero na mocidade e outros materiais educativos centrados nos riscos e potencialidades das redes sociais e un manual práctico de ferramentas educativas para prever a violencia contra as mulleres, entre outras iniciativas que se irán dando a coñecer nas vindeiras semanas. Máis información no Portal da Lingua Galega.