O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura bota a andar hoxe as visitas didácticas a través de videoconferencias para explicar e dar a coñecer a exposición As miradas de Isaac aos centros escolares. Neste intre, xa están inscritos preto de 30 colexios. No entanto, a previsión é que, a través da 70 emisións en liña programadas ata o 26 de marzo, sexan máis de 2.000 rapaces e rapazas os que poidan afondar –sen necesidade de saír da aula– na vida e proxectos dunha figura tan importante para a historia da cultura galega do século XX como foi Díaz Pardo.
Con estas visitas en liña consolídase esta iniciativa da Xunta de Galicia que naceu como unha alternativa para os centros de ensino ás saídas escolares programadas, limitadas polas actuais medidas de contención da pandemia da covid-19. O proxecto arrancou con éxito o pasado mes de outubro coa exposición Galicia, de Nós a nós e cuxas visitas virtuais remataron o 15 de xaneiro rexistrando a participación de máis de 4500 estudantes de ESO e Bacharelato de 51 centros galegos.
No caso das visitas didácticas en liña organizadas pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade para As miradas de Isaac continúan activas as reservas por parte dos centros, aos que se lles anima con este tipo de actividades a tirar proveito das posibilidades da tecnoloxía que permiten a docentes e estudantes afondar en contidos culturais de primeira orde e gran potencial didáctico, da man do equipo de guías do Museo Gaiás.
‘As miradas de Isaac’ na aula
Dirixidas a alumnado do último ciclo de Educación primaria e tamén de ESO e Bacharelato en Educación secundaria, as visitas didácticas en liña a As miradas de Isaac permiten achegarlles a estes estudantes unha figura imprescindible da historia da cultura galega do século XX, impulsor de achegas tan relevantes como Sargadelos, o Laboratorio de Formas, Ediciós do Castro, o Instituto Galego de Información ou o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside.
Están conducidas polo persoal de guías do Museo Centro Gaiás, cos que alumnado e docentes poden interactuar en directo. Ademais de visualizar múltiples obras expostas na mostra, a visita emprega recursos audiovisuais adicionais que axudan a comprender mellor o contexto socio-histórico onde transcorreu a vida de Díaz Pardo (1920 -2012) e a relevancia para Galicia dos seus proxectos e iniciativas empresariais e culturais e conectar deste xeito esta figura irrepetible e poliédrica (pintor, ceramista, editor, escritor, empresario…) coa actualidade e coa realidade da audiencia. De forma complementaria, a actividade procura tamén pór en valor o uso das TIC nos procesos de aprendizaxe actuais.
Ferramenta didáctica de primeira orde
Con esta iniciativa, a Cidade da Cultura proponse dar continuidade ao seu consolidado programa didáctico, que só en 2019 atendeu a 14.652 alumnos e alumnas de 640 grupos procedentes de centros de toda Galicia, que se achegaron así ás exposicións, arquitectura e espazos naturais do Gaiás. O Servizo de Educación, Mediación e Atención ao Público do Museo esfórzase con esta nova modalidade en manter o contacto e interacción directa cos centros de ensino e o seu alumnado no contexto actual, co convencemento de que as visitas vinculadas á cultura e á arte, e as actividades fóra da aula no seu conxunto, son unha valiosa e amena ferramenta pedagóxica na docencia.
Neste senso, o programa de visitas didácticas en liña é só un dos múltiples recursos que a Consellería de Cultura vén desenvolvendo no último ano na Cidade da Cultura para achegar a súa programación ao público no contexto imposto pola pandemia de limitación de desprazamentos e redución de prazas nas actividades ao vivo. Neste senso, desde o pasado mes de marzo lanzáronse a través da Rede actividades para a cativada como o ciclo de contacontos en liña do Club das lerchiñas; a serie de vídeo-receitas das Cociñeiras ilustradas; ou os retos didácticos da Raposa Fedella. Ademais, neste mesmo mes de xaneiro o xa consolidado festival internacional de curtametraxes infantís Pequefilmes tamén lles ofrecerá ás familias a posibilidade de ver desde casa as curtas por streaming.
Xa no eido do público adulto, o Gaiás emitiu a través de streaming tanto concertos –por exemplo na celebración de eventos sinalados como o Día da Música ou máis recentemente os magostos e os de Nadal no Gaiás– como sesións de debate e análise sobre o sector cultural como as dos Foros #aculturasegue ou o de #culturalike.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.