A Cidade da Cultura cumpre dez anos con preto de 6 millóns de visitas e 5000 actividades e eventos celebrados

O Gaiás, que abriu as portas en xaneiro de 2011, pecha unha fase de consolidación e inicia unha etapa de expansión “para chegar máis lonxe”
Publicado por o día 13/01/2021 na sección de Cultura

A Cidade da Cultura cumpre dez anos con preto de 6 millóns de visitas e 5000 actividades e eventos celebrados

A Cidade da Cultura de Galicia, inaugurada en xaneiro de 2011 polos entón Príncipes de Asturias e hoxe Reis de España e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cumpre os seus primeiros dez anos de vida con preto de 5000 actividades culturais e eventos e recibindo case 6 millóns de visitas ao longo desta década.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez González, que presentou esta mañá o balance dos primeiros dez anos de funcionamento da Cidade da Cultura, asegurou que remata unha “fase de consolidación desta potente infraestrutura como ferramenta para o desenvolvemento social, cultural e económico da Comunidade e que arrinca unha nova etapa baseada na expansión para chegar máis lonxe”.

O titular de Cultura do Goberno galego subliñou que o Gaiás de 2021 é un espazo de referencia no eido da cultura, a tecnoloxía e o emprendemento, con máis de 600 persoas traballando a diario nas súas instalacións, unha media anual de case 200 actividades culturais e 400 eventos organizados por empresas, institucións e colectivos sociais nas súas instalacións, e que pechou 2019 –último ano antes da pandemia– recibindo a máis dun millón de persoas, entre visitantes, turistas, usuarios dos servizos públicos e traballadores.

Contención orzamentaria

Nun acto acompañado polos membros do seu equipo, así como por responsables políticos e técnicos que participaron na xestión do complexo ao longo deste período, e de representantes institucionais como o alcalde de Santiago, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, Román Rodríguez lembrou que o establecemento dun modo de xestión baseado na contención orzamentaria e na optimización dos espazos permitiu “facer máis con menos recursos” e puxo como exemplo a cifra de participantes en actividades culturais que se multiplicou por catro desde 2012, achegándose a preto de 200.000 persoas.

O conselleiro chamou a atención sobre o Museo Centro Gaiás, que con 21 grandes exposicións, se ten convertido nun centro de referencia no norte de España, recibindo máis de 600.000 visitas ao longo da década, ademais de consolidarse como unha potente ferramenta didáctica que achega os seus contidos a unha media de 15.000 estudantes de diferentes centros da comunidade autónoma con programas innovadores e pioneiros.

Román Rodríguez eloxiou a calidade dunha programación cultural aberta, dirixida a un amplo abano de públicos e na que ten cabida desde a creación contemporánea máis experimental á cultura de base, con ciclos e eventos que xa son un clásico da axenda cultural de Galicia, como Atardecer no Gaiás, o festival de teatro Escenas do cambio, o Serán ou o Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura de Galicia.

Primeiras institucións

En relación coa Biblioteca e co Arquivo de Galicia, precisamente as primeiras institucións en comezar a funcionar no ano 2011, o titular de Cultura destacou que hoxe ocupan un lugar central como “gardiáns da memoria documental e bibliográfica” de Galicia e como coordinadores das redes públicas de bibliotecas e arquivos de toda a Comunidade.

Xunto á cultura e á tecnoloxía, o conselleiro lembrou o traballo a prol do emprendemento cultural, cun total de 450 proxectos innovadores no eido das industrias creativas apoiado desde a apertura do Centro de Emprendemento do Gaiás, proxectos que, en moitos dos casos, son hoxe empresas consolidadas xeradoras de postos de traballo.

No seu balance, Román Rodríguez revisou o amplo abano de actuacións encamiñadas a humanizar os espazos exteriores do complexo, coa acondicionamento de máis de 40 hectáreas verdes, a través da plantación de máis de 12.000 árbores no Bosque de Galicia e nos diferentes parques e xardíns, convertendo a Cidade da Cultura nun dos “pulmóns verdes” de Santiago de Compostela. O conselleiro subliñou a importancia de combinar arte e natureza, enmarcando neste obxectivo proxectos como o miradoiro no cumio do Gaiás elaborado polo escultor Manolo Paz ou o chamado Banco do Peregrino, unha intervención da artista Clara Montoya que ofrece unha fermosa vista sobre a cidade de Santiago.

Ao longo deste período de dez anos, o responsable de Cultura da Xunta fixo fincapé no intenso traballo que se traduciu no desenvolvemento do Bosque de Galicia, do Parque do Lago, do Xardín Literario, do Xardín do Teatro, así como de áreas destinadas ao xogo da cativada, como o Parque da Balea. “Conseguimos completar a oferta cultural con espazos dirixidos ás familias para gozar do lecer e da natureza”, asegurou o conselleiro.

Edificio Fontán e intervencións paisaxísticas

Botando a vista atrás, o titular de Cultura defendeu a adopción de “decisións valentes” por parte do Goberno galego, como foi a paralización das obras dos dous edificios iniciados e non rematados, medida que supuxo un aforro para os galegos de 77 millóns de euros, precisamente nun momento de dificultades económicas. Como exemplo de modelo de xestión baseado na contención orzamentaria, Román Rodríguez aludiu as dúas intervencións paisaxísticas realizadas nestes baleiros que permitiron resolver o impacto negativo sen apenas custe para as arcas públicas, e concretamente no caso do Xardín do Teatro a custe cero.

Nesta mesma liña, o conselleiro aludiu á decisión de localizar na Cidade da Cultura o Edificio Fontán, aproveitando a parte xa construída do que ía a ser o Teatro da Música, nunha decisión que non só eliminou a impacto estético negativo, senón que supuxo un importante aforro respecto ao que suporía ter que adquirir un solar para construír unha infraestrutura coas necesidades técnicas do Fontán.

Román Rodríguez destacou no seu balance a conexión coa Autopista do Atlántico (AP-9) como un dos grandes avances destes dez anos, ao conseguir enlazar o Gaiás coa principal arteria de comunicación de Galicia, co impacto que isto ten á hora de facilitar os desprazamentos a este centro. Neste senso, aludiu tamén as melloras na integración da Cidade da Cultura con Santiago a través da apertura de entradas e a construción dunha trama de sendas no Bosque de Galicia e mesmo de conexión coa Vía da Prata, que transcorre paralela ao monte Gaiás.

Retos de futuro

A folla de ruta na nova etapa que se inicia na Cidade da Cultura plasmarase no que será o segundo plan estratéxico da Cidade da Cultura, un documento que xa está en marcha e que abranguerá as liñas de traballo para o período 2021-2027.

O primeiro fito desta fase nova será o remate do Fontán, o edificio que abrirá un novo eixo de traballo na Cidade da Cultura ao converterse nun impulsor do sistema universitario de Galicia e que tamén fará de Santiago de Compostela unha referencia no eido dos estudos do patrimonio acollendo institucións tan relevantes como o Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC ou novo Centro de Estudos sobre o Patrimonio Cultural (CISPAC), especializado no Camiño de Santiago.

Nun ano marcado pola celebración do Xacobeo, Román Rodríguez anunciou que o Gaiás se presenta como un dos escenarios onde se desenvolverá o programa cultural que está a preparar a Xunta de Galicia, con proxectos como a exposición Galicia futura, coa que se pecha a triloxía de mostras organizadas desde o Goberno de Galicia con motivo do Ano Santo, tras Galicia, un relato no mundo e Galicia, de Nós a nós.

Na nova etapa, o conselleiro adiantou que o Gaiás afondará na súa dimensión de “factoría de proxectos culturais”, pero sempre co obxectivo de que estes contidos percorran outros espazos culturais de Galicia, nun circuíto de itinerancias que pretender converter esta infraestrutura nun fornecedor de contidos para toda a Comunidade.