A Xunta de Galicia inaugurará o vindeiro 13 de setembro na Cidade da Cultura a exposición Argallar, unha mostra pensada para que cativada e familias se acheguen á arquitectura a través do xogo. Deste xeito, no Museo Centro Gaiás despregaranse ata o 10 de novembro diferentes figuras xeométricas que convidarán á interacción e á construción; unhas veces, dun xeito pautado e outras, desde unha perspectiva totalmente libre e autónoma por parte dos e das visitantes.
Esta mostra itinerante da Asociación Ludantia xa foi protagonista o ano pasado da I Bienal Internacional de Educación en Arquitectura para a Infancia e a Xuventude de Pontevedra e conta coa colaboración da APLU-Axencia de Protección da Legalidade Urbanística da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e de proxecto Terra do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, quen ademais dispón dunha liña de axudas para costear o transporte en autobús aos colexios ata a Cidade da Cultura.
Visitas concertadas cos colexios
Precisamente, Argallar é unha exposición pensada, ademais de para un público familiar, para escolares. Por este motivo, ofrece visitas didácticas de balde, previa inscrición na www.cidadedacultura.gal, para centros escolares de Educación infantil e primaria.
Convivir na casa como espazo de reunión, reproducir as formas das árbores ou interactuar na noite coas sombras do corpo son só algunhas das actividades que se artellarán no terceiro andar do Museo Centro Gaiás en dúas grandes áreas: O taboleiro de xogo e As Fichas de Xogo: as sete caixas, que compendian unha serie de dispositivos lúdicos para desenvolver a creatividade e a autonomía da rapazada, afastándoa dos estereotipos.
Deste xeito, Argallar incide en estimular o enxeño entre os máis pequenos e pequenas e tamén o goce do facer e do descubrir por un mesmo e mesma, sen obsesionarse coa finalidade ou a meta, xa que o xogo en si mesmo é a cerna da propia exposición.
Con esta exposición, a Xunta de Galicia completa a oferta expositiva do Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura ata a inauguración da primeira grande exposición da programación do Xacobeo 2021, Galicia, un relato no mundo (8 de novembro), e que coincide coa clausura das dúas grandes exposicións desta primavera-verán.
Así, tras o peche o 1 de setembro de Valor e mestría. Galicia como fútbol con preto de 40.000 visitas desde a súa inauguración o 15 de febreiro, o vindeiro domingo, día 8, desmontarase Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia, aberta ao público desde o pasado 12 de abril. Precisamente, esta mostra está a ser protagonista de As Nocturnas, visitas comentadas á noitiña que rematan con música e petiscos, para promover outro xeito de achegarse á arte dun xeito máis distendido e informal.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.