A comarca de Vigo acolle en febreiro 15 novas accións formativas do programa “Smartpeme”

Están dirixidas á adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades
Publicado por o día 06/02/2020 na sección de Galicia,Deputación de Pontevedra,Vigo

A comarca de Vigo acolle en febreiro 15 novas accións formativas do programa “Smartpeme”

As oficinas do programa “Smartpeme” da Deputación de Pontevedra en Vigo, Ponteareas e O Porriño desenvolverán durante este mes de febreiro un total de 15 accións formativas para a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes, co obxectivo de aumentar a súa competitividade. Deste xeito, “SmartPeme” oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas.

A sede da Deputación en Vigo (rúa Oporto, 3) acollerá cinco obradoiros. “Woocommerce: A solución que buscabas para vender por internet” terá lugar o martes 11 de febreiro de 18:00 a 21:00 horas, “Cámara réflex: Aprende a utilizar o modo manual en fotografía” levarase a cabo o xoves día 13 de 19:00 a 21:00 horas, “Inbound Marketing” impartirase o martes 18 de febreiro de 19:00 a 21:00 horas, “Aprende a elixir as palabras clave para a túa estratexia SEO e SEM” será o xoves día 20 dende as 19:00 ata as 21:00 horas e, por último, “TripAdvisor. A plataforma perfecta para a túa empresa turística” chegará o 27 de febreiro tamén de 17:00 a 19:00 horas.

En Ponteareas, as cinco accións levaranse a cabo no Centro de Desenvolvemento Local (Lomba do Cruceiro 5, Ribadetea). Estas comezaron cun obradoiro de “Vende os teus produtos en Facebook e Instagram” e o martes 11 de 18:00 a 21:00 horas continuarán con “Mellora o teu impacto da túa web grazas a Google Analytics”; seguinte martes 18 de febreiro de 19:00 a 21:00 horas será a quenda de “Aprende a elixir as palabras clave para a túa estratexia SEO e SEM”, o xoves 20 impartirase “Empresas de actividades turísticas e plataformas de comercialización en liña” tamén de 17:00 a 19:00 horas e, por último, o martes 25 de febreiro realizarase un  taller titulado “Fotografía e vídeo para espazos interiores”, de 19:00 a 21:00 horas.

Por outra banda, no Porriño as cinco accións formativas serán: “Mellora o impacto da túa web grazas a Google Analytics”, o xoves 6 de febreiro de 18:00 a 21:00 horas; “Así funciona Whatsapp Business”, o martes día 11 de 19:00 a 21:00 horas; “SEO para Youtube”, o martes 18 de 19:00 a 21:00 horas; “Vídeo co teu smartphone: Crea, grava e edita como un profesional”, o xoves 20 de febreiro de 19:00 a 21:00 horas; e, por último, o martes 25 de 17:00 a 19:00 horas será a quenda de “Tripadvisor. A plataforma perfecta para a túa empresa turística”. Estes obradoiros desenvolveranse no Multicentro do Concello de Porriño (Ribeira s/n, Torneiros).

As inscricións para tomar parte nestas accións formativas pódense facer a través da app, no número de teléfono 886 20 20 20, no correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou na páxina web www.smartpeme.depo.gal.