A Comisión Europea confirma a integración da saída sur de Vigo na Rede Básica Europea de Transportes e as súas opcións de acceso aos fondos comunitarios da próxima convocatoria

A Xunta celebra que esta conexión estratéxica para o Porto de Vigo e para a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal se integre no trazado prioritario da rede europea de transporte de mercadorías
Publicado por o día 19/06/2019 na sección de Galicia,Vigo

A Comisión Europea confirma a integración da saída sur de Vigo na Rede Básica Europea de Transportes e as súas opcións de acceso aos fondos comunitarios da próxima convocatoria

A Comisión Europea confirmou onte que a liña ferroviaria denominada “saída sur” de Vigo forma parte do trazado da Rede Básica europea de transportes, polo que conta con opcións de acceder aos fondos comunitarios da próxima convocatoria do ‘Mecanismo Conectar Europa’.

O director xeral de Mobilidade da Xunta, Ignacio Maestro, foi informado neste sentido polos representantes da Comisión Europea no transcurso da reunión do grupo de traballo sobre o Corredor Atlántico que a Dirección Xeral de Transporte da UE celebra hoxe en Bruxelas.

O Goberno galego, en alianza cos executivos e Asturias e Castela e León, así como con numerosas forzas empresariais e sociais das tres comunidades, defendeu con intensidade nos últimos anos a incorporación do Noroeste da Península Ibérica ao trazado do Corredor Atlántico de transporte.

Esa demanda foi recollida polo Goberno de España baixo a presidencia de Mariano Rajoy, e trasladada á Comisión Europea, que decidiu atendela nunha determinación ratificada logo tanto polo Consello como polo Parlamento europeos.

Dese xeito, o eixe ferroviario de mercadorías León-Monforte-Ourense-Vigo-A Coruña pasou a formar parte do Corredor Atlántico da rede europea de transporte, para cuxo desenvolvemento se prevén importantes inxeccións de fondos comunitarios.

Sen embargo, este logro deixou a dúbida sobre a inclusión da saída sur de Vigo no trazado da Rede Básica, ou se, pola contra se consideraba dentro do trazado da Rede Global, na que se situou a conexión con Porto.

Na viaxe que realizou a Bruxelas o pasado mes de abril, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, defendeu ante os representantes da Dirección Xeral de Transportes da Comisión Europea, que a saída sur debe entenderse como parte do Eixo Atlántico ferroviario e polo tanto, trazado da Rede Básica.

Na xuntanza de hoxe, a Dirección Xeral de Transportes da UE confirmou que a saída sur de Vigo forma parte da Rede Básica, tal e como demandaba a Xunta e tal e como recolle xa a páxina oficial da Comisión Europea, a través do visor no que se mostra a clasificación dos treitos da rede:

http://ec.europa.eu/transport/infrastructure/tentec/tentec-portal/map/maps.html

A Xunta celebra que esta conexión estratéxica para o Porto de Vigo e para a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal se integre no trazado prioritario da rede europea de transporte de mercadorías. A UE fixa a finalización das obras de fortalecenento desta Rede no ano 2030.

Refórzase así a posición de Galicia nas redes europeas de transporte, que debe traducirse nunha mellora das liñas ferroviarias de mercadorías do Noroeste grazas aos fondos comunitarios do ‘Mecanismo Conectar Europa’.

O Executivo galego reiterará ante o novo Goberno de España a necesidade de presentar ante a UE proxectos concretos e competitivos para optar ao maior financiamento posible.