A compañía Feira do Leste convoca o II Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual

O certame está organizado pola compañía viguesa Feira do Leste e conta co apoio da Deputación de Pontevedra.
Publicado por o día 02/10/2019 na sección de Galicia,Eventos,Vigo

A compañía Feira do Leste convoca o II Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual

O II Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual regresa por segundo ano consecutivo tras a boa acollida da primeira edición e na que o texto do xornalista Miguel Sande, A enterradora (blogue) foi vencedor.

Para esta segunda edición, a organización márcase a meta de aumentar o número de obras orixinais recibidas. “O noso obxectivo é duplicar as 14 obras recibidas na edición anterior e poder consolidar o certame”, sinala Javier Lojo, membro de Feira do Leste, compañía teatral viguesa que convoca o concurso.
O premio é a publicación da obra gañadora por Á Feira Edicións, a prol de favorecer a edición de textos de nova creación de autores e autoras galegas. O prazo de presentación é do 1 de outubro ao 15 de novembro, segundo as bases publicadas na web www.novadramaturxia.feiradoleste.com

A compañía teatral Feira do Leste organiza o certame co apoio da Deputación de Pontevedra e co que procura dar maior visibilidade aos novos dramaturgos galegos a través da edición e publicación da obra nun volume con obras doutros autores galegos que están a destacar actualmente polo emprego de novas linguaxes e temáticas.  “O certame nace da necesidade de loitar contra as principais dificultades ás que se enfrontan os autores teatrais das novas xeracións do teatro galego, que non só pasan pola falta de representación escénica das súas obras, senón que viven unha eiva no eido da publicación e difusión da súas creacións”, sinala Lojo.