Máis de 3000 participantes integrados en preto 600 equipos despois, a Competición de Robots que organiza a Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo chegará o vindeiro 26 de abril a súa quinta edición. En colaboración coa rama de estudantes do Institute of Electrical and Electronics Engineers e a sección de estudantes da International Society of Automation da Universidade de Vigo, a quinta edición do concurso volverá reunir na escola a centos de estudantes das ensinanzas secundarias obrigatorias, bacharelato e titulacións superiores na procura dos mellores robots autónomos, deseñados, construídos e programados por elas e eles. “O principal obxectivo deste concurso é espertar o interese das e dos rapaces polas disciplinas STEAM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas). Estamos a vivir nun mundo onde a tecnoloxía é unha realidade que está a cambiar os nosos modos de vida e transformar o emprego do futuro e pensamos que isto hai que cultivalo e desde as bases o concurso pretende contribuír a fomentar o interese pola tecnoloxía”, explica Juan Pardo, director da Escola de Enxeñería Industrial, para quen máis aló de poñer en práctica os seus coñecementos, esta é unha ocasión para que as e os participantes “se divirtan, coñezan outros equipos e vivan unha experiencia que sirva para espertarlle ilusión e paixón por este mundo dos robots”.
Despois do éxito de participación acadado edición tras edición, pasando dos 500 estudantes e 110 equipos da primeira aos 1000 participantes e 170 equipos do ano pasado, o director da Escola considera moi difícil continuar incrementando o número de alumnas e alumnos. “O listón está moi alto e ademais hai limitacións ‘físicas’. O que si, aspiramos é a incrementar o número de centros participantes con algunha directriz que introducimos nas bases para dar máis xogo a esta cuestión, porque é bo que veñan rapazas e rapaces do maior número de colexios e institutos”, sinala Juan Pardo, que lembra que os centros teñen de prazo ata o 31 de xaneiro para inscribirse na competición
Novidades cara á quinta edición da competición
Un ano máis o alumnado dos centros participantes concorrerá ao certame en dúas categorías: WALL-E, para estudantado matriculado en calquera curso de ensino secundario (ESO e Bacharelato) e R2D2 para estudantes de titulacións superiores (ensinanzas de Formación Profesional e titulacións universitarias, ademais doutras persoas interesadas). No primeiro caso, o alumnado deberá montar e programar un robot móbil partindo dun kit básico proporcionado pola organización (mBot Robot Educativo 2.4G), facilmente programable con Scratch e compatible coa plataforma opensource Arduino. Pola súa banda, na categoría R2D2, as e os participantes deberán crear robots cun tamaño máximo da envolvente dun cubo de 20 cm de lado, un peso máximo de 1500 gramos e con sensorización, forma, cor e configuración de tracción libre.
Aínda que a competición mantén a esencia de edicións anteriores, o director da Escola avanza dúas novidades introducidas este ano. Dunha banda, “aínda que os circuítos son os mesmos, para aproveitar recursos, introducimos un maior número de obstáculos que teñen que evitar nunhas determinadas condicións. Neste concurso introducimos unha modificación na proba denominada ‘Barrendeiro’, que agora nomeamos ‘Barrendeiro cebra’, xa que dentro do recinto se atoparán unhas tiras brancas a modo de pasos de cebra para darlle un pouco máis de emoción e engadir unha maior dificultade”, explica Pardo. Por outra banda, a organización tamén espera poñer en marcha un novo sistema de cronometraxe para as probas, no que actualmente está a traballar un grupo do centro. Neste sentido, o director da Escola agradece a implicación de todo o persoal e o alumnado da escola na proba, ata o punto de que “se non fose así, non sería posible desenvolver o concurso”, asegura Juan Pardo.
Tras catro edicións, o director da Escola asegura que o balance non pode ser máis positivo. “Só con mirar a ilusión coa que participan as rapazas e os rapaces fai que calquera esforzo mereza a pena. Temos que seguir apostando pola mocidade, eles e elas son quen de cambiar e mellorar o futuro e isto faise con ilusión, traballo e colaboración, que son aspectos que forman parte do espírito do noso concurso”, explica Pardo.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.