A Concellería de Normalización Lingüística convoca a séptima edición do certame de Microrrelatos

O lema deste ano será a emigración. O prazo de presentación dos traballos será do 2 de abril ao 7 de maio
Publicado por o día 28/03/2018 na sección de Galicia

A Concellería de Normalización Lingüística convoca a séptima edición do certame de Microrrelatos

A Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Silleda, que dirixe Pilar Peón, ven de convocar a que será a sétima edición do Concurso de Microrrelatos ao que poderán concorrer persoas empadroadas en Silleda a partir dos 6 anos de idade. A temática deste ano será a Emigración e valorarase a orixinalidade e a creatividade.

O prazo para presentar os traballos abrirase o vindeiro luns día 2 de abril e rematará o luns 7 de maio. As bases, que poderán consultarse na web municipal, establecen como en anos anteriores dúas categorías: unha para nenos e nenas de 6 a 12 anos e outra para persoas de 13 anos en adiante.

Os textos, que terán que estar titulados e escritos integramente en galego, poderán presentarse en dúas modalidades: a ordenador, (cun máximo de 500 caracteres), e tamén escritos a man, (máximo 100 palabras). Deben presentarse en papel DIN A4, sempre firmados baixo pseudónimo, nun sobre co nome do concurso e a categoría na que participa. Noutro sobre pechado irán os datos persoais. Os traballos deberán ser inéditos e non terse presentado a outros certames e deberán ser entregados no rexistro do Concello de Silleda, ou remitidos por correo ordinario ao seguinte enderezo: Concello de Silleda – Rúa Trasdeza, Nº55 –  36540 Silleda.

O xurado encargado de elixir os mellores microrrelatos estará composto por profesionais dos medios de comunicación e a concelleira de Normalización Lingüística, Pili Peón, ou a persoa en quen delegue.

O fallo do xurado darase a coñecer antes do 31 de maio, e os nomes dos gañadores serán publicados a través da web www.silleda.gal, ademais de notificarselle aos interesados a través dos datos facilitados coa presentación do traballo.

Os premios, para cada categoría consistirán nunha tablet valorada en 100 euros e un vale de 20 euros para canxear en comercios silledenses.

Ademais, de pertencer o gañador ou gañadora a algún centro educativo do Concello de Silleda, entregarase un vale de 50 euros para mercar libros en galego nas librerías do municipio para a biblioteca do centro.

“O fomento da creatividade e do uso da lingua galega entre os máis novos seguen a ser os obxectivos desta proposta que cada ano conta con máis participación”, comenta a concelleira.

As bases do certame publicarase tamén na web municipal.